Traerá música, cine, circo e humor.
Unha vintena de actividades de música, cine, teatro, circo, maxia e humor daranse cita no Verán Cultural de Barbadás.
Durante a presentación explicaron que a oferta, totalmente gratuíta, inclúe propostas para todas as idades e para os diferentes núcleos de poboación, xa que percorrerá Sobrado do Bispo, Bentraces, Piñor e Finca Fierro, ademais do Parque dos Patos da Valenzá. “Este ano imos ter máis actividades que nunca e non só os xoves, senón tamén os venres”, destacou José Manuel Morgade, concelleiro de Cultura, quen animou a poboación a desfrutar da cultura e do talento dos artistas participantes.
Programación
A programación arrancou con varias actividades como a exhibición de fin de curso de Danza do Mundo Danzari da Escola Nova Fronteira; a actuación de fin de curs de MVT Galica; o concerto da Banda Infantil da Escola de Música e da Banda de Música Cultural de Barbadás. Este ano, e por primeira vez, a programación contará con varios escenarios «repartidor por todo o municipio, aínda que vai seguir estando centrada no Parque dos Patos», explicaron na presentación.
A actuación de Circo de Sue Moreno inaugurará o mes de xullo co espectáculo “5.0” o xoves 2, ás 21.00 horas no Parque dos Patos. A banda ourensá Brañas Folk actuará o xoves 9, tamén ás 21.00 horas no Parque dos Patos.
O venres 10 de xullo comezarán as proxeccións da película “Rondallas”. Neste caso, será no parque Fidalguiño de Sobrado, ás 22.30 horas. A proxección desta película continuará o venres 17 de xullo na Praza do Pumar de Bentraces, o venres 14 de agosto no Campo de Roma de Piñor e o venres 21 de agosto na explanada detrás dos edificios da rúa Milladoiro, en Finca Fierro. Todas as citas serán ás 22.30 horas.
A compañía bilbaína Orainbi presentará o seu espectáculo “Mute”, que une circo e moito humor, o xoves 16 de xullo, ás 21.00 horas, no Parque dos Patos. A seguinte semana será o grupo ourensán Tetas Van quen protagonizará a cita no Parque dos Patos coa presentación do seu último traballo, “15 revoltas”.
O xoves 30 de xullo, ás 21 horas no Parque dos Patos, o Centro Dramático Galego, en coprodución con Espectáculos Valente, representarán a obra “Ñique Ñaque”, baseada nun texto do recoñecido dramaturgo Cándido Pazó.
O mago ourensán Fernando Moreno traerá o seu espectáculo “Superpoderes máxicos” o xoves 6 de agosto, ás 21.00 horas no Parque dos Patos. O seguinte xoves, 13 de agosto, será a compañía Teatro ó Cubo quen aterre no Parque dos Patos coa representación da obra “De Vilatriste a Vilalegre”, unha peza dirixida a público de todas as idades.
O grupo Dr. Slump, un dos grandes referentes das bandas de versións galegas, ofrecerá o seu concerto o xoves 20 de agosto, ás 21.00 horas, no Parque dos Patos.
A recoñecida música, instrumentista e cantante Mercedes Peón porá o broche de ouro á programación cultural co seu concerto do xoves 27 de agosto. A artista presentará o seu último traballo discográfico, “Déixaas”. A cita é ás 21.00 horas no Parque dos Patos.





