Verín abre a inscrición para participar na Feira de Nadal, que se celebrará do 5 ao 8 de decembro

Os expositores de artesanía e alimentación poderán presentar as súas solicitudes ata o 12 de novembro, cunha cota de participación de 60 euros para as catro xornadas.

O Concello de Verín abriu o prazo de inscrición para participar como expositor na Feira de Nadal 2026, que terá lugar os días 5, 6, 7 e 8 de decembro na Praza Maior. A iniciativa busca impulsar o comercio de proximidade e ofrecer un espazo de promoción e venda para os profesionais da artesanía e do sector da alimentación.
A convocatoria está dirixida a artesáns, talleres artesáns e establecementos de alimentación que cumpran os requisitos establecidos nas bases. Os produtos expostos, así como a presentación e a decoración dos postos, deberán estar relacionados coa temática do Nadal.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 12 de novembro de 2026, aínda que o prazo poderá ampliarse no caso de que queden espazos dispoñibles. O trámite deberá realizarse mediante o formulario «Solicitude de participación na Feira do Nadal 2026», dispoñible na sede electrónica municipal, xunto coa documentación requirida para cada sector. As persoas que non estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración tamén poderán presentar a solicitude no Rexistro presencial da Casa Consistorial.

A participación terá un custo de 60 euros por expositor e espazo asignado para os catro días. Unha vez recibida a notificación de aceptación provisional, as persoas seleccionadas disporán de tres días hábiles para efectuar o pagamento e enviar o xustificante á organización.
A feira ofrecerá dúas modalidades de postos: casiñas de madeira de 2,60 por 2,40 metros e casetas de 3 por 3 metros. Ambas contarán con instalación eléctrica, iluminación e rótulo identificativo. As persoas solicitantes deberán indicar a súa preferencia, que se atenderá en función da dispoñibilidade, e achegar o mobiliario necesario para expoñer os seus produtos.
O recinto permanecerá aberto ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 21.00 horas durante as catro xornadas. Os expositores seleccionados deberán manter os seus postos abertos durante todo o horario establecido.

A selección realizarase por orde de entrada das solicitudes que conten coa documentación completa, tendo en conta a variedade dos produtos e a súa adecuación á temática do Nadal. Ademais, valorarase a posesión da Carta de Artesán, a cualificación de taller artesán ou outras acreditacións equivalentes. Se a demanda supera os espazos dispoñibles, poderá habilitarse unha lista de reserva.
Con esta convocatoria, o Concello de Verín pretende dinamizar a actividade comercial durante a campaña de Nadal e ofrecer á veciñanza e ás persoas visitantes unha proposta que combine artesanía, produtos alimentarios e ambiente festivo.
Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Concellaría de Feiras ou coa Oficina de Desenvolvemento Local no teléfono 988 410 000.