O Salón de Plenos do Concello de Verín acolleu este xoves a sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo.
Tras aprobar por unanimidade a acta da anterior sesión extraordinaria urxente, o presidente en funcións, Diego Lourenzo, someteu votación a fixación das festas locais para o ano 2017, acordando por unanimidade que os festivos sexan o 17 de xaneiro (San Antón) e o 1 de marzo (mércores de cinza).
No referente a adhesión á rede de espazos culturais e programación coordinada de actividades o pleno aprobou, por 9 votos a favor (5 PSdeG-PSOE e 4 BNG) e 6 en contra (PP), solicitar que Comisión Informativa de Educación, Cultura, Xuventude e Deportes, ditamine favorablemente o seguinte acordo: Aprobar a adhesión do Concello de Verín ao Programa marco de cooperación da Deputación Provincial de Ourense cos concellos da provincia para a creación dunha rede e programación coordinada de espazos culturais a nivel provincial.
No referente as críticas expostas polo Portavoz Popular referentes as supostas carencias de seguridade no vial provisional de acceso ao Auditorio Municipal de Verín, Diego Lourenzo quixo recalcar que “este é un acceso provisional que si cumpre as condicións mínimas de seguridade que dita o proxecto, e que se adopta de medida temporal mentres se están solucionando os problemas xudiciais herdados do anterior goberno”. Lourenzo aproveitou para anunciar que “neste momento xa existe unha proposta de acordo encima da mesa por parte dos propietarios para solucionar de unha vez por todas todos estes procesos xudiciais”.
En canto os puntos referentes a resolución do contrato de concesión da xestión dos servizos municipais da lonxa e do mercado gandeiro e o da concesión administrativa do bar-restaurante da lonxa agropecuaria, o pleno aprobou por unanimidade os dous puntos, impondo sancións económicas a ambos contratistas.






