O OUFF, as obras en Ourense e as principais novas da provincia centran a actualidade de Barrios.
O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) protagoniza a portada de Barrios coa presentación da súa 31ª edición, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro. O festival reforza nesta edición a presenza do cine internacional, galego e ourensán e recoñecerá a traxectoria de Charo López, José Manuel Lorenzo e Javier Gutiérrez. A portada tamén destaca o recoñecemento ao debuxante Carrabouxo, que recibe o 47º Premio Celanova, así como o inicio das obras de renovación integral da pasarela de Outariz e a adxudicación do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos de Ourense a Eco Auriense.
En Xinzo de Limia, unha das principais noticias é a renovación do pavimento de cinco rúas do municipio, cun investimento superior aos 330.000 euros. O Concello tamén reclama medio millón de euros en axudas polos danos provocados polos temporais de febreiro, que afectaron a uns 75 quilómetros de vías municipais. Ademais, o Goberno local prevé rematar en 2028 o seu plan de axuste, catro anos antes do previsto inicialmente, mentres prepara os orzamentos de 2027.
En Allariz, a actualidade municipal céntrase principalmente na celebración da Feira dos Produtos Apícolas e na preparación da nova edición da BTT de Allariz. A proba ciclista contará con dous percorridos, de 45 e 25 quilómetros, e celebrarase o 4 de outubro.
En Celanova, destaca a incorporación ao patrimonio municipal dun cadro da Virxe de Cristal realizado pola artista Consuelo Fermoso, cedido ao Concello pola súa familia. A localidade mantén tamén unha importante programación cultural nas próximas semanas, con especial presenza da música e do audiovisual galego, incluídas varias proxeccións do ciclo dos Premios Mestre Mateo.
En Ourense cidade, comeza a renovación integral da pasarela de Outariz, unha actuación que inclúe a limpeza e pintura da estrutura e a instalación de iluminación LED, cun prazo de execución de dez meses e un investimento próximo aos 1,65 millóns de euros. Pola súa banda, Eco Auriense iniciou o novo contrato de recollida de residuos e limpeza viaria, cunha duración de dez anos e unha dotación anual de 15,22 millóns de euros.
A información da provincia pon o foco no inicio do curso escolar, con 29.313 estudantes matriculados. O mapa educativo provincial continúa mostrando diferenzas entre concellos: 29 municipios perden alumnado fronte a 32 que o gañan, mentres seis manteñen cifras similares. Entre os descensos máis destacados aparecen Ourense, O Barco, Coles, Xinzo e Celanova.
A provincia tamén mira cara á innovación tecnolóxica. A empresa Luxsit, nacida no campus de Ourense, continúa desenvolvendo a súa tecnoloxía para espectáculos de drons e incorpora tres novos enxeñeiros do sector aeroespacial. Ademais, a celebración da Novena dos Milagres volveu reunir miles de persoas, superando as 100.000 asistencias ao longo do período festivo.
No apartado de ocio e cultura, a axenda está marcada polo Our Fest, que contará con The Jesus and Mary Chain como principal atractivo, e pola celebración do OUFF. Tamén destaca o Galician Freaky Film Festival, que chega á súa décima edición en Vigo coa presenza de Lloyd Kaufman como convidado de honra e unha selección internacional de cine fantástico.
En deportes, o COB prepara o inicio da nova temporada coa incorporación do base letón Toms Leimanis. O equipo ourensán debutará na Liga FEB o 26 de setembro no Pazo dos Deportes Paco Paz fronte ao Tizona Burgos. No fútbol sala feminino, Ourense conta esta tempada con dous representantes na máxima categoría: o Ourense Ontime, que iniciou a competición cunha vitoria, e o Estrela Revoltosa Verín, que perdeu no seu debut.
Se queres ver ou consultar o periódico pincha neste enlace. Pincha





