O Concello, ABANCA e Afundación asinan un convenio para levar a mostra á Casa da Cultura, onde poderá visitarse do 21 de outubro ao 27 de novembro.
O Concello de Xinzo de Limia, ABANCA e Afundación asinaron un convenio de colaboración para organizar na vila a exposición «Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote», que se poderá visitar na Casa da Cultura entre o 21 de outubro e o 27 de novembro.
O acordo rubricado contou coa participación do alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz; o coordinador institucional de ABANCA, Mateo Alonso; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A iniciativa permitirá achegar ao público limiao a obra dun dos grandes referentes do humor gráfico español.
A mostra ofrece un percorrido pola mirada crítica, lúcida e irónica de Antonio Mingote a través dos seus debuxos, viñetas e reflexións visuais, cos que retratou a sociedade do seu tempo. A exposición pon en valor a súa capacidade para combinar o humor coa análise social e converter a ilustración nunha ferramenta de reflexión sobre a realidade.
Mingote iniciou a súa traxectoria con apenas 13 anos, cando publicou o seu primeiro debuxo en Gente Menuda. En 1946 comezou a colaborar na revista La Codorniz e, posteriormente, incorporouse ao diario ABC, onde desenvolveu durante máis de cinco décadas unha destacada carreira como debuxante. Ao longo da súa vida tamén traballou como xornalista e novelista, publicou máis de corenta obras e participou en proxectos de teatro, cine e televisión.
A súa relevancia profesional foi recoñecida con numerosos premios e distincións, entre eles o Premio Nacional de Periodismo, a Medalla de Ouro do Concello de Madrid e a incorporación á Real Academia Española, da que foi o primeiro debuxante en formar parte.
Unha iniciativa para achegar a cultura ás vilas galegas
A exposición en Xinzo de Limia enmárcase no proxecto «Corrente cultural», impulsado por Afundación e ABANCA en colaboración con diferentes concellos galegos. O programa busca ampliar o acceso á oferta artística e cultural máis alá das sedes habituais das entidades, trasladando exposicións e actividades a distintas localidades de Galicia.





