Xornada en Xinzo con Artur Puga

O recoñecido bailador e docente achegará a cultura tradicional á veciñanza de Xinzo nunha xornada completa o 2 de abril.

A programación de Semana Santa do Concello de Xinzo de Limia fará un espazo moi especial para as nosas raíces. O vindeiro xoves, 2 de abril, a vila acollerá unha completa «Xornada sobre a Cultura Tradicional e Popular da Limia», que estará dirixida e impartida por Artur Puga, unha das figuras máis destacadas da actualidade na recuperación e ensino do noso patrimonio inmaterial.

Artur Puga (Vigo, 1997) é un recoñecido bailador, coreógrafo e percusionista de música tradicional galega. Director da escola itinerante de baile tradicional «Seisporoito», Puga ten unha dilatada experiencia na docencia e na divulgación da nosa cultura. A nivel nacional, o seu traballo gañou gran visibilidade por acompañar como bailarín e percusionista a artistas e proxectos de gran éxito como as Tanxugueiras (no Benidorm Fest e nas súas xiras) ou Mondra, o que o converte nun referente capaz de conectar a tradición coas novas xeracións.

Un programa inmersivo durante todo o día

A xornada, que conta coa colaboración da Asociación Cultural A Pantalla, estrutúrase en catro citas pensadas para coñecer, aprender e desfrutar da nosa música e baile dende un enfoque práctico e divulgativo:
– 11:30 h. Obradoiro de Baile na Praza Carlos Casares.
– 16:30 h. Exposición sobre o traballo de recuperación na comarca da Limia. Terá lugar no Salón de Plenos do Concello.
– 18:30 h. Obradoiro de Percusión e Canto na sede da A.C. A Pantalla (MUGAE).
– 21:00 h. Concerto dos Meninos do Pandeiro na Praza de Oriente, como peche festivo ao día.

Inscricións abertas e prazas limitadas
Dende a Concellería de Cultura lémbrase que todas as actividades desta xornada son totalmente de balde, pero teñen un aforo estrito para garantir a calidade da docencia. Por iso, as prazas son limitadas e é obrigatorio formalizar a inscrición previa.

As persoas interesadas en participar poden anotarse escaneando o código QR que aparece nos carteis distribuídos pola vila, ou ben directamente a través da seguinte ligazón web: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSe6XBmhHzno2_j0UvY_Dm3QO8vfMWgKNwuFbBrAmuZzcrXwaQ/viewform.