Trasladóulles as conversas mantidas coa directiva da empresa a semana pasada nas que ésta manifestou a súa vontade de acadar unha solución á situación da concesionaria a través da cesión de servizos.

O alcalde reúnese co comité de empresa de Linorsa

Na reunión que durante algo máis dunha hora mantiveron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Educación, Belén Iglesias, co comité de empresa de Linorsa (empresa concesionaria dende 2012 do servizo de limpeza nos colexios públicos da cidade), o rexedor explicoulles aos representantes dos traballadores as conversas que mantivo a semana pasada coa directiva da empresa concesionaria.

Así, Jesús Vázquez sinalou que a empresa amosou a súa vontade de acadar unha rápida e eficaz solución á situación pola que atravesa a concesionaria, considerando como opción axeitada a cesión de servizos. Este posible acordo de cesión contaría coa fiscalización dos órganos técnicos do Concello, tal e como se puxo de manifesto coa directiva da empresa a semana pasada e se lles informou aos traballadores da contrata.