“Só lle pedimos a Ourense un pouco máis dese traballo que tan ben fai para subir máis a porcentaxe de voto na provincia”, dixo o secretario xeral do PPdeG.

Miguel Tellado asiste á xunta directiva dos populares ourensáns

“Dende o PP de Galicia só lle pedimos a Ourense un pouco máis dese traballo que tan ben sabe facer, co obxectivo de subir aínda máis a porcentaxe de voto na provincia”, dixo o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na súa intervención diante da xunta directiva dos populares ourensáns, reunida esta tarde na sede provincial.

O secretario xeral afirmou que “o PP de Galicia ten nos populares ourensáns un dos seus pilares fundamentais”, lembrando nesta liña que en Ourense Rajoy conseguiu en 2015 unha porcentaxe de voto do 44,9 %, maior que a que conseguira no total de España en 2011, cando obtivo a maioría absoluta cun 44,6%.

Por estas razóns, engadiu, “o PP de Ourense está en condicións de asumir esta responsabilidade, xa que soubo explicar que é a única opción que garante a seriedade e a estabilidade que necesitamos e por iso moitos deles non volverán a confiar nalgunha outra opción que quixo tinguir o vermello de laranxa para enganar a algún votante, pero que en canto puido prestouse a pactar co PSOE e a negociar con Podemos se fora necesario con tal de botar ao PP”.

Para Miguel Tellado, compre recuperar os 15.000 votos que en Ourense se foron a Ciudadanos, “votos que nesta provincia son un voto regalado ao señor Beiras e ao señor Iglesias, logrando unha nova maioría do PP e restando un escano a esa minoría de bloqueo que son as Mareas de Podemos”.

O presidente provincial, Manuel Baltar, incidiu pola súa banda nos resultados obtidos nas pasadas eleccións xerais, que converteron a Ourense na segunda forza popular con maior porcentaxe de apoio de España despois de Ávila.

Congresos locais e Escola de Verán

Por outra banda, a xunta directiva aprobou a convocatoria de dous novos congresos locais para o vindeiro mes de xullo. En concreto serán os congresos para a elección dos presidentes das xuntas locais de Sandiás e A Peroxa, que farán os números 79 e 80 dos celebrados ata o momento pola formación popular.

Tamén se acordou a celebración, o 10 de xullo, da Escola de Verán Miguel Ángel Blanco, que nesta edición contará no acto de clausura coa presenza do visecretario de acción sectorial do PP, Javier Maroto.