Unión Galega de Consumidores e OMIC organizan esta actividade, este mércores no Auditorio.

A Unión de Consumidores de Galicia, coa colaboración da Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Ourense organiza unha charla informativa sobre “Cláusulas chan. Créditos rápidos», que terá lugar o mércores, 15 de xuño, ás 19:00 horas na sala azul do Auditorio Municipal, con entrada libre e gratuíta.

As persoas consumidoras e usuarias atópanse con multitude de problemas e presións derivados dun convulso escenario económico no que a Unión de Consumidores de Galicia detectou grandes problemáticas como as cláusulas chan e os créditos rápidos.

Nun contexto no que está próxima a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre as cláusulas chan, no que o número de casos por problemas derivados cos chamados créditos rápidos vai en aumento; UCGAL entende que as persoas consumidoras necesitan información correcta e actualizada sobre estas cuestións para seren capaces de facer valer os seus dereitos económicos en todo momento.

Neste sentido, organiza, neste caso coa colaboración do Concello de Ourense, charlas informativas de carácter gratuíto centradas na defensa dos dereitos económicos dos cidadáns. Asemade, UCGAL proporcionará axuda legal a aquelas persoas que necesiten asesoramento específico nesta materia.  

A primeira actuación informativa sobre esta temática na provincia de Ourense será o mércores, 15 de xuño, no Auditorio Municipal.

As persoas interesadas poden obter máis información en www.consumidores.gal.