A Xunta activa unha nova edición dos bonos Activa Comercio con 2,5 millóns de euros en descontos

A cidadanía poderá descargar desde este mércores, 28 de outubro, bonos de ata 30 euros para mercar no comercio local, mentres que a campaña incorpora de novo un sorteo de catro premios de 250 euros nas redes sociais.

A Xunta de Galicia pon en marcha a segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio, unha iniciativa que contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros para incentivar as compras no comercio de proximidade. A convocatoria publícase este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) e os bonos estarán dispoñibles desde o mércores, 28 de outubro, ás 9.00 horas.
Esta nova edición suma outros 2,5 millóns de euros aos destinados á campaña do pasado mes de maio, polo que o investimento total do programa en 2026 ascende a 5 millóns de euros.

Descontos de ata 30 euros
As persoas consumidoras poderán descargar os bonos a través da web www.bonosactivacomercio.gal e utilizalos nos establecementos adheridos mediante un código QR dixital.
O desconto aplicarase en función do importe da compra. Así, as compras de entre 20 e menos de 30 euros terán unha rebaixa de 5 euros; as de entre 30 e menos de 50 euros, de 10 euros; e as compras a partir de 50 euros permitirán acceder a un desconto de 15 euros.

Cada persoa poderá descargar un único bono. Non haberá un límite inicial de usuarios, pero os descontos deixarán de poder utilizarse cando se esgote o crédito de 2,5 millóns de euros destinado a esta convocatoria.

Catro premios de 250 euros nas redes sociais
A campaña repetirá tamén o sorteo posto en marcha na edición de maio, co que se entregarán catro bonos de 250 euros cada un para gastar nos comercios adheridos.
Para participar, as persoas interesadas deberán dar «gústame» á publicación correspondente nas contas de Instagram ou TikTok da Xunta de Galicia (@xuntagal e @xuntadegalicia), incluír o cancelo #ComercioGalego e mencionar o establecemento no que realizaron a compra, a localidade e outra persoa que poida estar interesada no sorteo.
As persoas gañadoras disporán dunha semana para reinvestir o importe dos premios no comercio participante.

Os comercios non terán que rexistrarse de novo
Os establecementos que xa se adheriron á primeira edición de 2026 manterán a súa participación nesta nova convocatoria, sen necesidade de realizar outra inscrición. A medida pretende axilizar a posta en marcha da campaña e facilitar a participación tanto dos negocios como da clientela.
Os comercios que aínda non formasen parte da iniciativa poderán solicitar a súa adhesión ata o 15 de decembro ou ata que se esgote o crédito dispoñible.
A través desta segunda convocatoria, o Goberno galego busca impulsar a demanda, favorecer a fidelización da clientela e reforzar a actividade do comercio retallista. A previsión da Xunta é que o programa contribúa a mobilizar máis de 8,5 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade galego.