Instalarán un photocall diante do Centro de Maiores do Paseo, este venres de 11 a 13 horas.

Afundación celebra este venres o Día Internacional das Persoas Maiores, instituído pola ONU en 1990. En 2016 o lema escollido para esta conmemoración é «Tomar partido en contra da discriminación por idade», desafiando os estereotipos negativos e conceptos erróneos verbo das persoas maiores e o envellecemento.

Afundación Ourense súmase a esta celebración, dentro do seu proxecto de envellecemento activo, cun acto reivindicativo para dar visibilidade ao papel dos maiores. Deste xeito, instalará un photocall na rúa, en horario de 11.00 a 13.00 h, diante do seu centro de maiores da rúa do Paseo, convidando a cidadanía a participar fotografándose con mensaxes que apoien a campaña.

O photocall contará coa presenza ás 11.30 h de Felipe Iglesias de la Torre, número un do mundo en jiu jitsu; o pintor Manuel Penin; a actriz Fina Calleja; e Marina Díaz, unha veterana que está a piques de cumprir 100 anos, ademais doutros representantes e membros de distintas asociacións e organizacións da cidade que tamén foron convidados.