A Xunta destinou 48.000 euros.

Humanización do núcleo de Laias

A Xunta destina 48.000 euros á humanización da praza do núcleo de Laias, no Concello de Cenlle. Acompañado polo alcalde da localidade, o delegado territorial da Xunta en Ourense visitou o núcleo de Laias para supervisar o remate das obras de humanización da praza nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu.

Gabriel Alén subliñou que a meta deste tipo de actuacións é mellorar os equipamentos e dotacións dos pobos e vilas do rural co fin de proporcionar unha oferta de servizos axeitada ás necesidades da veciñanza e incrementar o atractivo dos núcleos rurais galegos.

O delegado territorial da Xunta en Ourense tamén explicou que esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego, procura humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para iso as infraestruturas e os servizos e mellorando o benestar da súa poboación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda trata, no marco do Plan Hurbe, de dar resposta á necesidade de humanización das vilas e de incrementar o atractivo dos núcleos rurais como factor determinante do equilibrio territorial. O conxunto de vilas dispersas pola nosa xeografía articulan e centralizan a vida económica, social e cultural do territorio que se atopa baixo a súa área de influencia. Constitúen verdadeiros motores de dinamización social e económica ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que achegan o modelo urbano a todo o territorio.

As actuacións están suxeitas ás recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que dirixe a acción neste eido ata o ano 2024.

Cómpre subliñar que esta orde de subvencións se enmarca na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.

SOURCE: Humanización en Laias