Crónica Vampírica.
Ás veces os vampiros alíanse coa lúa e o insondable amence na escuridade, coma unha maldición.
Os seres espectrais depositan sementes de maldade nas avenidas dos corpos abertos; as almas puras camiñan confiadas sen sabelo: unha esquina, unha vertente, un grolo, un suspiro, un aletexo… e a contaminación penetra furando os órganos e o sangue.
Atacaron á Cazadora de Estrelas, a meiga da Rocha Grande, a Encantadora de pensamentos, que habita no Círculo Sagrado onde comezou o mundo, entre as árbores da vida e da bondade.
Unha picadura nun descoido e a carne comezou a infectarse; trasladouna o equipo especial dos Grandes Cazadores do Río á capital do Reino do que morreu en Xerusalén. No Templo Branco, os sanadores combaten corpo a corpo contra a ponzoña.
“Nunca debemos desesperar ante o mal, a fe é a nosa aliada e as promesas o noso escudo. No Libro do Ben está escrito que o mal non prevalecerá para sempre”, comentoume a canina cando nos dirixiamos á misión da noite plenilunada.
Esta vez o Vampiro Melancólico agochouse entre o alto carballo xunto á torre, onde permanece a campá do destino e a senda do esquecemento. É a hora dos valentes, e Nissa sábeo; olfacta o sangue no aire e diríxese sen titubeos á vitoria ou á morte. Eu, decidido, sígoa; teño desenvainada a espada de dous fíos e levo a coraza e o casco.
Deslizámonos polo pasadizo traseiro da capela onde antes estivo o cemiterio dos Cabaleiros Corvinos; o osario está cheo, pero sabemos apartar as osamentas dos valentes sen deshonralos.
Deixámonos caer pola pendente ata o soto onde nos agarda o sarcófago do Vampiro Melancólico.
Nissa ouvea á lúa: é un berro xeado, cargado de presaxios, unha cicatriz na noite que altera á criatura malvada e precipita o seu regreso á cripta.
Agochado, agardo o momento coa espada empuñada coas dúas mans; mordo con rabia o meu beizo inferior, que sangra con abundancia: iso provoca unha ansia no inhumano. Escoito os seus pasos, e cando cruza a pendente lanzo un golpe seco á súa gorxa. A cabeza roda polo chan e cóase polo segundo pasadizo á ciénaga infernal. O cheiro é insoportable. Nissa desfai os restos do corpo e os enterra.
Saímos ao exterior e apenas nos miramos: sabemos que só é unha batalla gañada. As novas que chegan do Templo Branco énchennos de esperanza: a Cazadora de Estrelas mellorou un pouco. Cada maligno eliminado será un paso cara á súa recuperación.
“A guerra será longa —coméntame a Cazavampiros—, pero moitos están do noso lado.”
Os da súa especie coñecen ao ser humano nas nosas vitorias e nas nosas miserias.
Mentres contemplo a lúa chea, penso…
¡Que somos os homes para que Deus teña memoria de nós!
E a cadela, mentres, marmura unha oración por todos os que sofren…
“Señor do Escuro e do silencio frío,
acende luz nos corpos sen consolo,
abriga os que camiñan no baldío
e alonxa o mal que roe no seu solo.
Dá forza ao xusto, paz ao fuxidío,
espalla amor no corazón ferido,
que o sangue inocente se esclareza
e a esperanza floreza no perdido.”
Esta crónica vai adicada a Concha González Covela á Cazadora de Estrelas que habita onde comezou o mundo.
Avelino Jácome