Celébrase o sábado 28 e domingo 29 de xuño.
Castrelo de Miño acolle o Espírito Ribeiro que se celebra este sábado 28 e domingo 29 de xuño.
O evento está organizado polos concellos de Castrelo de Miño, Cenlle e Arnoia, co apoio da Axencia Turismo de Galicia a través do programa Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia.
No eido musical haberá concertos de balde con figuras tan singulares do panorama musical estatal e galego como: Julián Maeso, Jaime Urrutia, Gisele Jackson, Top Secret e Roi Casal. Ademais, nesta edición, Espírito Ribeiro estreará un novo formato, rotando a actividade cada ano nun municipio. Así, Castrelo de Miño acollerá a edición deste 2025, mentres que Cenlle será o anfitrión no 2026 e Arnoia en 2027.
Horarios
Sábado 28 actuarán:
– 19.30h – Julián Maeso
– 21.15h – Jaime Urrutia
– 23.00h – Gisele Jackson
Domingo 29
– 19.00h – Top Secret
– 20.30h – Roi Casal
Concertos do Xacobeo, un programa que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest, o Espírito Ribeiro e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.
Na provincia da Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos. Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna cunha grande afluencia de visitantes na época estival, na que se poderá gozar de propostas artísticas de primeiro nivel coa celebración de ciclos, festivais e concertos dunha gran diversidade de xéneros e estilos para todos os públicos, con eventos abertos á mocidade, á infancia e aos adultos máis curiosos e esixentes.
Concertos do Xacobeo fomentará en Ourense a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da riqueza patrimonial local, xa que moitos dos eventos celébranse en espazos naturais e patrimoniais de gran valor da provincia. Entre as figuras que visitarán Ourense estes meses da man dos Concertos do Xacobeo, cítanse Justin Quiles, Carlos Núñez, Sés, Jethro Tull ou Los Secretos, entre moitas outras.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.