Xinzo de Limia dá a coñecer o cartel do Patapas 2026

O 4º Concurso Gastronómico da Limia celebrarase do 3 ao 8 de decembro en dez locais da vila, con 3.000 euros en vales para o comercio.

O Concello de Xinzo de Limia dá a coñecer o cartel do Patapas 2026, o 4º Concurso Gastronómico da Limia, que se celebrará do xoves 3 ao martes 8 de decembro. A imaxe recupera como mascota a pataca cociñeira da edición anterior, que nesta ocasión sela a tarxeta de cuños, a mecánica central do concurso.

Participan dez establecementos, cada un cun pincho elaborado con pataca da IXP Pataca de Galicia, entidade colaboradora, a 2,50 euros. Entre as tarxetas completas sortearanse 25 vales por valor de 3.000 euros para gastar en calquera comercio ou establecemento de Xinzo ata o 31 de xaneiro de 2027, e a primeira persoa en completar a ruta levará unha Gran Cesta de Nadal.

Os locais participantes son: 5 Rutas, La Central Heladera, Lovik, Meigallo, Monforte, Mundial, Parque, Río Salas, Rosalía e Vilamaricho. Para participar, abonda con pedir a tarxeta gratuíta en calquera deles, conseguir os dez cuños, votar as tres tapas favoritas e entregala antes do peche do martes 8. As bases completas, cos horarios de cada local, están dispoñibles na web municipal e no código QR do cartel.