O proxecto USE4FOREST, novo aliado na loita contra os lumes

A Consellería do Medio Rural desenvolve unha ferramenta para coñecer o risco de lumes e determinar estratexias preventivas.

Pontevedra e Ourense son as provincias nas que a Consellería do Medio Rural está a traballar no desenvolvemento dunha ferramenta para coñecer o risco de incendios co fin de determinar as áreas nas que deseñar estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de lumes e a superficie queimada no caso de que se inicien. Esta iniciativa corresponde ao proxecto USE4FOREST (U4F) do programa europeo Interreg-Sudoe, no que a Consellería participa como beneficiaria principal desta iniciativa a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte.
Este proxecto céntrase no suroeste europeo, o Sudoe, con España, Francia e Portugal como participantes.
A iniciativa aglutina diversas entidades e administracións dos tres países citados, co fin de afondar nunha estratexia para a prevención de incendios no territorio Sudoe mediante a mellora dos espazos forestais. Estará vixente ata decembro de 2026 e conta cun investimento total de case 3 millóns de euros.

Obxectivo
O obxectivo deste proxecto é o de loitar contra os incendios forestais a través da innovación tecnolóxica -baseado en datos- e a xestión sostible e responsable dos recursos, e abordar solucións comúns (mediante a cooperación internacional) na prevención de lumes apostando, ademais, pola pedagoxía, a sensibilización e a concienciación da cidadanía ao respecto.
Por iso, U4F aposta por un novo modelo forestal baseado na prevención, a biodiversidade e o aproveitamento intelixente dos recursos do monte galego. Grazas ao uso de sensores, drons, imaxes por satélite e intelixencia artificial, o programa obtén información en tempo real sobre o estado dos montes, e así, detectar riscos e mellorar a resposta ante os lumes. Isto facilita a toma de decisións máis eficaces en prevención de incendios, planificación forestal ou conservación da biodiversidade.
A estratexia para a prevención de incendios no suroeste europeo do U4F apóiase en tres fases para a mellora dos espazos forestais: coñecemento exhaustivo dos condicionantes do problema; desenvolvemento, proba e demostración nos territorios participantes de ferramentas innovadoras para a prevención, xestión e anticipación dos incendios forestais; e a súa transferencia e capitalización a escala Sudoe.
Esta iniciativa afondará en variables específicas que condicionan o comportamento dos lumes, o que permitirá testar solucións innovadoras do uso do espazo forestal, baixo o obxectivo de mellorar a súa resiliencia ante os incendios. En definitiva, o seu principal obxectivo é contribuír á protección dos ecosistemas forestais ao tempo que se fomenta o desenvolvemento socioeconómico das comunidades que dependen deles.
Alcanzaranse novas solucións e avaliarase o seu impacto, eficacia e transferibilidade grazas á análise de diferentes variables, como o medio (vexetación, clima, etc.) e os factores antropoxénicos (poboacións, cultivos, entre outros). Todo elo, co fin de desenvolver estratexias de prevención intelixente nos espazos forestais con maior risco, considerando os seus recursos naturais, socioeconómicos, tecnolóxicos e de xestión para abordar esta necesidade de forma global.

Referente europeo
Co apoio de institucións públicas, centros de investigación e entidades do sector forestal, Galicia pode converterse nun referente europeo en innovación forestal, ademais de contar cunha oportunidade estratéxica para impulsar unha xestión máis sostible, innovadora e participativa dos montes galegos. U4F ofrece as ferramentas e o marco de colaboración necesarios para dar este salto, garantindo un equilibrio entre conservación, rendibilidade e futuro para o noso monte.

Eixos do proxecto
Os eixos principais do proxecto U4F son a prevención de incendios forestais a través da mellora da xestión forestal ferramentas avanzadas; a adaptación ao cambio climático co aproveitamento eficiente e sostible dos produtos forestais; a participación cidadá para superar a fragmentación da propiedade e mellorar a rendibilidade da xestión; e a educación e sensibilización con accións educativas, charlas e formación técnica para construír unha cultura forestal baseada na responsabilidade e no coñecemento.