Será presentado na libraría Eixo o sábado 25 de outubro, a partir das 12:00 horas.
«A panadería» é o novo libro dos ourensáns Lucía Belarte e David Lorenzo, publicado por Kalandraka en galego, castelán e catalán. A libraría Eixo (Cardenal Quevedo, 36) de Ourense acollerá a presentación, para público infantil e familiar, o vindeiro sábado 25 de outubro, a partir das 12:00 horas.
Trátase dunha fábula actual protagonizada por unha familia de lobos que, buscando onde dedicarse ao seu oficio como panadeiros, múdanse a unha pequena vila, onde terán que vencer o receo da veciñanza.
Ao carácter emotivo do relato de Lucía Belarte, súmanse unhas abraiantes ilustracións de David Lorenzo elaboradas integramente con grafito. Son imaxes en branco e negro que destacan pola súa forza comunicativa, o detallismo dos personaxes e dos escenarios representados e a presenza de claves visuais que amplifican o valor do texto.
Fronte á desconfianza cara a quen é diferente ou de procedencia foránea, «A panadería» promove a tolerancia, a diversidade, a integración e a axuda mutua a prol dunha sociedade mellor. Aínda que a obra de Lucía Belarte e David Lorenzo creouse moito antes da dina que afectou a Comunidade Valenciana o pasado ano, nesta historia acontece un temporal que anega as rúas e as casas, mobilizando o pobo para limpar a lameira. A familia de lobos tamén se une a esa cadea solidaria, un xesto que logra cambiar a consideración negativa que lle tiñan.
Lucía Belarte e David Lorenzo estudaron Belas Artes e imparten clases no espazo artístico El Atelier, en Ourense. Entusiasta das letras, da cultura e da creatividade, Lucía Belarte desenvolveu a súa faceta como escritora de literatura infantil e xuvenil a través do achegamento ao xénero do álbum ilustrado. Precisamente, esta é unha das especialidades -canda a novela xuvenil e o cómic- de David Lorenzo, que ampliou a súa formación como ilustrador na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde.