Por un importe de 1,6 millóns de euros.
A Xunta concedeu no 2025 un total de 136 axudas para adquisición de vivenda protexida, por un importe de 1,6M€. Así o destacou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, na súa visita a Ourense, onde fixo balance desta liña de achegas que a Xunta financia con fondos autonómicos e mantivo un encontro cunha das beneficiarias nesta cidade.
Estas achegas conforman unha das tres liñas de axudas para adquisición de vivenda que ofrece a Xunta de Galicia, xunto ás dirixidas a mozos de menos de 36 anos para mercar en concellos de menos de 10.000 habitantes e as de compra de vivenda en cascos históricos.
No caso concreto das axudas para compra de vivenda protexida, a conselleira sinalou que debido á alta demanda a Xunta incrementou de 1 millón a 1,6M€ o orzamento, co fin de atender máis solicitudes.
Recordou que contía destas axudas pode acadar ata 20.000 euros, para os menores de 36 anos e ata 16.000 euros no caso do resto dos compradores.
Allegue destacou que proximamente se lanzará a nova convocatoria destas achegas, cunha “reforzada” dotación orzamentaria e sinalou que estará aberta a todas as persoas que adquirisen vivenda protexida desde o pasado 15 de outubro, data na que finalizou o prazo de solicitudes no 2025, e ás que a adquiran neste 2026.
Trátase de achegas compatibles co aval mozo da Xunta, que financia o 20% da adquisición da vivenda e tamén coas axudas a promotores e cooperativistas na liña de compra venda, unha liña de fondos propios da Xunta, pola que se impulsa a construción de nova vivenda protexida en colaboración co sector.




