Xinzo recupera o concurso de canción humorística

Tamén convoca o 2º Concurso de Fotografía do Entroido.

Xinzo recupera o concurso de canción humorística que se celebrará o Sábado de Entroido, 14 de febreiro, as 19:00 h. na Praza Maior. Poderán participar no concurso todos aqueles colectivos interesados, sen limite de idade. O número mínimo de participantes por colectivos será de 5 e non poderán superar os 15.

A inscrición poderase realizar cubrindo un formulario no que se recollerán os datos necesarios, o número de compoñentes, etc. O formulario -e as bases- estará dispoñible na páxina web do Concello de Xinzo de Limia (https://www.xinzodelimia.gal/). Devandito formulario será enviado ao seguinte correo electrónico entroidodexinzodelimia@gmail.com ou poderase presentar presencialmente na Biblioteca Municipal de Xinzo de Limia, da Casa de Cultura, en horario de 10:00 h. a 13:00 h. e de 16:00 h. a 20:00 h. O prazo de inscrición rematará o luns, día 9 de Febreiro, as 20:00 h.
O total do diñeiro empregado en premios para o concurso da canción do Entroido 2026 será de 1.050 euros divididos da seguinte maneira: primeiro premio de 500 euros; segundo premio de 250 euros; e terceiro premio de 100.

Concurso de fotografía
O Concello de Xinzo de Limia organiza a segunda edición do concurso de fotografía do Entroido baixo o lema «Tradición, Respecto e Sentimento». O obxectivo é capturar imaxes que reflictan estes tres principios na vila durante o ciclo do Entroido 2026.
O prazo para presentar as obras estará aberto dende o 23 de xaneiro ata o 1 de marzo de 2026. Os participantes poderán enviar un máximo de dúas fotografías, en cor ou branco e negro, que non superen os 10 MB. Como requisito fundamental, as bases especifican que non se poderá utilizar a intelixencia artificial nas imaxes.
O primeiro premio constará dun vale de 300 euros máis un bono de 10 euros de desconto de Prolimia para o comercio e hostalería local; o segundo e terceiro premios serán vales de 100 euros máis o bono de 10 euros de desconto. Ademais haberá tres premios especiais de 100 euros cada un, doados por Dende a Limia, a Asociación A Pantalla e o Diario do Limia.
Os seis gañadores recibirán un lote de produtos de Aceites Abril e unha impresión da súa fotografía en tamaño 50×70 por parte de Carlin Xinzo. Para participar, os interesados deben enviar as súas fotos e o formulario de inscrición ao correo culturadexinzo@gmail.com.