Esta edición versará sobre a “Ciberseguridade” e os centros educativos poderán inscribir as súas propostas ata o 16 de marzo.
Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade, está promovida desde 2006 polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-. Diríxese ao alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato; co fin de favorecer o talento innovador e emprendedor entre a mocidade. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria. Acaba de abrirse o prazo para que os centros educativos se inscriban e os equipos presenten os seus proxectos; poderán facelo ata o 16 de marzo a través da web www.galiciencia.com.
Galiciencia terá lugar os días 13, 14 e 15 de maio. Esta edición versará sobre a “Ciberseguridade”, en liña co futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está a construír en Tecnópole. Trátase dun tema moi sensible que afecta non só ás empresas, senón ao conxunto da cidadanía, posto que, co avance das novas tecnoloxías, estamos cada vez máis expostos a ataques maliciosos a través dos nosos dispositivos.
Seleccionaranse 50 proxectos para asistir á feira e tamén se pode participar en liña
Cada centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP pode presentar ata dous proxectos, dos que se seleccionarán un total de 50 para asistir á feira e que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. Tamén se pode participar de maneira online e, neste caso, non hai límite de proxectos.
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para participar en Exporecerca, a maior feira científica a nivel estatal, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, o certame de ciencia que ten lugar en Bilbao. O equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática “Ciberseguridade”, así como o mellor proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.
Como en cada edición, ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia.
Para visitar a feira
Os centros interesados en visitar a feira teñen de prazo tamén ata o 16 de marzo para facer a súa reserva. Haberá un límite de 50 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 25. Tecnópole encargarase de xestionar e custear o transporte.




