Dobra nun ano o número de carnés.
O servizo das Bibliotecas Móbiles da Xunta de Galicia, A Furgoteca, rexistra na actualidade 2.648 persoas usuarias, o que supón máis do dobre de carnés que tiña en 2024. Así o salientou o director xeral de Cultural, Anxo M. Lorenzo, quen, co gallo do Día das Biblioteca Móbiles, asistiu a unha das súas actividades de dinamización lectora, que organiza este servizo no colexio Rogelio García Yáñez, situado no municipio ourensán de Ramirás.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que A Furgoteca púxose en marcha en 2023 en 20 concellos do rural de Lugo e do sur de Ourense. Trátase, tal e como incidiu, de municipios de menos de 20.000 habitantes sen servizo de biblioteca, “acadando un grande éxito de acollida, tal e como reflicte que en 2024 xa rexistraba 1.764 persoas usuarias, máis de 17.200 préstamos e un total de 12.392 visitantes”.
Ante estas cifras, Anxo M. Lorenzo explicou que, a principios de 2025, a Xunta incorporou unha terceira ruta, coa que se lle ampliou este servizo de dinamización lectora a outros dez municipios de Ourense occidental, “ao abeiro da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que procura achegar a cultura a todas as persoas, independentemente do seu lugar territorial e condicións socieconómicas, cognitivas o comunicativas”.
Dinamización cultural no interior e rural galego
Deste xeito, con estas tres rutas, A Furgoteca conseguiu en 2025 “dobrar o número de usuarios, ao tempo que incrementar nun 37,5 % os préstamos e nun 48,7 % o número de visitantes”, celebrou o director xeral de Cultura, quen enxalzou a “significativa contribución dese servizo á accesibilidade e dinamización cultural no rural e interior do territorio galego”.
O percorrido que realiza a de Ourense Sur permite achegarlles accións de dinamización lectora á poboación dos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós.
No caso da ruta de Ourense Occidental, á que pertence o concello de Ramirás, A Furgoteca suma outros nove concellos ao seu percorrido con propostas culturais e lectoras tamén en Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus e Verea.
Cómpre lembrar que as rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte, centros educativos ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás parroquias e aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.





