O conselleiro de Emprego visita Aever

Coñeceu á nova directiva e ás accións de dinamización comercial que pretenden levar a cabo.

A Asociación de Empresarios de Verín (Aever) recibiu a visita de José González Vázquez, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración; e Gabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo.
A visita comezou cunha reunión á que asistiron María Isabel Fernández, concelleira de comercio do Concello de Verín e o deputado Victor Manuel Baladrón foron recibidos por Esther Gómez, presidenta de Aever, e Lucía Aparicio, xerente da asociación. Para recoñecer e poñer en valor o traballo que se realizou anteriormente na asociación e que fai que sexa recoñecida como unha das mellores de Galicia, participaron no encontro os antigos xerente e presidente, Jose Ángel Rodicio e Santos Álvarez.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración salientou a importancia da dinamización comercial nas cabeceiras de comarca como é o caso de Verín, recollida no Plan Estratéxico de comercio 2025-2030. Informou da inminente convocatoria da orde que da soporte á actividade dos Centros Comerciais Abertos, visibilizando o traballo que se realiza dende ditas entidades e a importancia que ten para a sustentabilidade das vilas como Verín.

Na reunión abordáronse aspectos técnicos das accións de dinamización comercial, e outros máis estratéxicos como a estreita e necesaria colaboración entre administracións públicas para reforzar e dar soporte á actividade comercial como motor socioeconómico da vila.
Entre as propostas realizadas polo conselleiro e polo director xeral, cabe salientar o soporte económico para levar a cabo campañas de dinamización que propoñan unha integración dos puntos fortes que ten a comarca. Aever recibiu a proposta por parte da Xunta de Galicia de realizar campañas de dinamización comercial que inclúen a flexibilización dos días de apertura dos establecementos en períodos concretos. O obxectivo desta proposta é atraer á clientela que escolle Verín como un atractivo para saír da cidade as fins de semana. Este público obxectivo visita Verín porque existe unha oferta de actividades e atractivos que culminan coa compras nos comercios da cabeceira da comarca. A proposta será integrada nas accións de carácter máis innovador que se están programando para o exercicio actual.

Aever afronta o reto da renovación do equipo co soporte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a nivel económico a través da subvención que da soporte á actividade, e mediante a visibilización do traballo e o asesoramento e soporte para a programación da súa actividade.

Pola súa banda, e cunha perspectiva de cooperación e traballo en rede, o Concello de Verín, representado na reunión pola concelleira de Comercio, renovou o seu compromiso coa asociación. Recentemente foi renovado o convenio de colaboración entre ambas entidades para cofinanciar parte da actividade de dinamización comercial. A concelleira de Comercio reiterou a súa implicación con AEVER CCU e o seu soporte a través da implicación e diálogo coa consellería e con aquelas entidades e administracións involucradas no desenvolvemento económico e a actividade comercial da vila.

Visitas
Na reunión abordáronse outros temas relacionados co comercio como o soporte á actividade artesana a través do selo “Artesanía de Galicia”, o programa de impulso á innovación e sostibilidade do comercio local e artesanal, as subvencións dirixidas a proxectos emprendedores e de remuda xeracional, e outras liñas de axuda e apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Rematada a reunión, visitaron dous establecementos asociados a Aever , Coser e Cantar, no que Sonia Limia mostrou a José González e Gabriel Alén a súa actividade de elaboración de deseño textil, bordado e encaixe de camariñas, actividade que ambos animaron a reforzar co soporte do selo Artesanía de Galicia. A continuación visitaron a Marcos Fernández que asumiu a titularidade dun comercio tradicional de Verín, Frutas Carola cando se xubilou a súa xerente. O caso de Marcos Fernández é paradigmático da necesaria remuda xeracional. Tal como salientou Gabriel Alén, a Xunta de Galicia da soporte técnico e económico ás empresas que fan a remuda xeracional, accedendo a dito soporte a través dos servizos da rede de Polos de Emprendemento.
A xornada rematou cun firme compromiso de colaboración e continuar traballando para a dinamización da vila, integrando todas aquelas oportunidades que poidan repercutir na sostibilidade e crecemento do comercio local.