Ata pronto, Javier

Hoxe é un deses días nos que a tristura por perder a un amigo, que é moito máis ca iso —pois ademais de amigo é irmán, non de sangue, senón por decisión común— produce unha dor esgazadora, ao tempo que unha inmensa felicidade por telo coñecido, por ter aprendido tanto del e polo moito que significou para min en momentos complicados. O meu amigo da alma, o meu irmán, despois dalgúns intentos frustrados porque o seu pai o precisaba, hoxe Javier decidiu definitivamente marchar.

Non me sinto só, pois quédanme os seus libros, quédanme os seus poemas, quédame o seu recordo, a súa bondade infinita, a súa grandeza. Javier González aínda era novo; fíxome trampa: a lóxica lei da vida prognosticaba que eu tiña que marchar antes, pero non me agardou.

Querido Javier, só lle pido ao universo que, nesa transformación física que se producirá no teu ser, me conceda estar contigo cando a min me chegue a hora. Javier, sexa o que sexa aquilo no que a lei universal da física te transforme, será bo, pois como ser humano pensante fóchelo ata o día do teu cesamento como tal. Sei, querido amigo, que te lembrará e doerá moita xente, de todas as clases sociais, de todas as idades, de todos os xéneros; pero especialmente lembrarante as xentes de bo corazón das que sempre te rodeaches.

Lembrarate, e moito, a miña neta maior, que de pequena, con el, interpretou un precioso conto no máis alto de Galicia. Hai unha persoa que te quixo, pero desgraciadamente non te lembrará, Javier, porque dela agora só queda ese corpo inerte: aquela Carmen que ti coñeciches en plenitude de facultades, que gozou do teu agarimo, da túa amizade e da túa poesía, xa non está. Decidiu o universo un día que xa non se lembrase de nada nin de ninguén, pero eu seguireille lendo a túa palabra aínda que non a entenda.

Lembrarémoste todos, os que, poetas ou afeccionados, te acompañamos aprendendo de ti e do teu verso no Círculo Poético Ourensán. Lembrarante as empedradas rúas de Ourense, onde, se escoitas con atención, aínda se oe a túa sonora e profunda voz recitando os teus poemas.

Querido Javier González, espérame onde queira que esteas.
ATA PRONTO!!

Paco Ascón
Xares, o meu recuncho de Trevinca
6 de febreiro de 2026