A Xunta destinou máis de 240.000 euros para a consolidación e impulso de 13 entidads da economía social

O Bono consolida economía social está aberto o prazo de solicitudes ata o vindeiro 10 de abril.

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse ao Concello de Xinzo de Limia para, acompañado do alcalde, Amador Díaz, visitar a empresa Mailu Cociñas S.L., unha das trece entidades ourensás beneficiarias na última resolución do Bono consolida economía social ás que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou máis de 240.000 euros, co fin de reforzar a presenza das empresas de economía social no tecido económico da provincia. No caso concreto desta entidade, percibiu unha achega de máis de 10.000 euros para a adquisición de equipamento e mobiliario.

Aberto o prazo
Durante a súa estancia nas súas instalacións, o delegado territorial aproveitou para lembrar que a Xunta ten aberto o prazo dunha nova convocatoria deste programa cun orzamento de 2,73 millóns de euros ata o próximo 10 de abril, dirixida a sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.

Manuel Pardo subliñou que esta convocatoria enmárcase no compromiso do Goberno autonómico a prol da transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética destas entidades que impulsan empregos inclusivos e de calidade. Nesta liña detallou que, entre outros, os conceptos subvencionables poden ser a adquisición de equipamento informático e mobiliario; a reforma do centro de traballo; o desenvolvemento de software e páxinas web; ou a obtención de certificacións de calidade.

O representante do Goberno galego destacou que, como novidade desta orde, a Xunta priorizará os gastos de investimento fronte aos correntes co fin de acadar unha efectiva consolidación das entidades da economía social. Dáse así resposta á demanda real detectada na pasada orde, ao tempo que se prima un tipo de gasto que logra xerar un maior retorno no medio e longo prazo. A maiores, elévase de dous a tres anos a obriga de mantemento da forma xurídica das entidades beneficiarias, así como da súa actividade empresarial, co gallo de asegurar a súa permanencia no tecido produtivo.

A intensidade das axudas
Tamén concretou que as achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións, fináncianse investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de outubro de 2026 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.