A Xunta destina preto de 135.000 euros a Protección Civil

Para gastos de funcionamento de 69 agrupacións da provincia.

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Gumersindo Lamas, visitou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Sarreaus, unha das 69 entidades beneficiarias da última resolución das axudas para apoiar nos gastos de funcionamento das AVPC de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos, na que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinou preto de 135.000 euros na provincia de Ourense.

O delegado territorial lembrou que a Xunta destinou 370.000 euros a esta liña, mantendo o orzamento da convocatoria do ano pasado, cando se incrementara a contía en 30.000 euros respecto a exercicios anteriores. Deste xeito, destacou que pese a tratarse dunha competencia de carácter local, o Goberno galego colabora economicamente coas AVPC nos seus gastos correntes contribuíndo o seu funcionamento.

Nesta liña, Manuel Pardo explicou que estas axudas pódense destinar a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación; gastos ocasionados pola conservación, mantemento e alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos; o pagamento de seguros do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicación, sempre que ambos casos se trate de elementos funxibles.

Programas para mellorar os medios de emerxencias
O representante do Goberno galego subliñou que ademais destas axudas directas para colaborar cos gastos de funcionamento, a Xunta reforza cada ano o material de emerxencias das AVPC coa convocatoria anual para facilitar equipamento. Neste senso, recordou que só a través da orde de concesión de material de 2025, cedéronse 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias e 10 tendas de campaña para emerxencias a concellos galegos que conten con AVPC.

Tamén subliñou que o investimento da Xunta nos últimos anos nas AVPC da comunidade acada máis de 20 millóns de euros, dos que case 15,4 millóns se destinaron a reforzar o seu equipamento e os 5 millóns restantes aos seus custos de mantemento. O investimento total do Executivo autonómico para material e novos recursos tanto destas agrupacións como doutros servizos de emerxencias da comunidade supera os 28 millóns de euros desde 2015.

Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o persoal destas agrupacións realizan o curso necesario para obter o seu carné de voluntario e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias contan cun amplo catálogo de actividades formativas ao longo do ano para actualizar os seus coñecementos e poder realizar unha intervención eficaz ante calquera incidencia. O investimento da Xunta na formación dos servizos de emerxencias supera os 3 millóns de euros nos últimos anos.

AVPC beneficiarias
As entidades beneficiarias foron as AVPC dos concellos de Allariz, Amoeiro, Avión, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Beariz, Os Blancos, A Bola, O Bolo, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, O Carballiño, Cartelle, Castrelo de Miño, O Castro de Caldelas, Celanova, Chandrexa de Queixa, Coles, Entrimo, Esgos, Gomesende, A Gudiña, O Irixo, Larouco, Laza, Lobios, Maceda, Manzaneda, Maside, A Mezquita, Montederramo, Muíños, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Petín, Piñor, A Pobra de Trives, Porqueira, Rairiz de Veiga, Ribadavia, O Riós, A Rúa, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Toén, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo ; as agrupacións de municipios Cortegada-Padrenda e Cualedro-Monterrei; e as Mancomunidades do Ribeiro e Terra de Celanova.