O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, supervisounas.
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, supervisou o comezo das obras da nova senda na estrada autonómica OU-402 en Reza, no concello de Ourense, nas que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste 1.512.564 euros, no marco do Plan de Sendas da Xunta que, segundo o delegado territorial, “son proxectos que teñen o selo de Galicia Calidade e van transformar esta cidade e a calidade de vida da veciñanza”.
Manuel Pardo explicou que o obxecto principal da actuación consiste na execución dun itinerario peonil continuo de 2,7 kilómetros pola marxe dereita da estrada, entre o pk 1+060 e o pk 3+290, que permita conectar os tramos illados de beirarrúas existentes e as edificacións dispersas e evitar que os peóns percorran o tramo camiñando pola marxe da estrada próximos á marca viaria.
Salientou o delegado territorial que con esta intervención complétase a execución de máis de 16 quilómetros de sendas nas estradas autonómicas da comarca de Ourense, con 8 M€ de investimento, traballos aos que hai que sumar o investimento mobilizado para conformar a nova senda peonil e ciclista que vertebrará de norte a sur a cidade entre a estación intermodal, a Ponte Vella e Expourense, a través da avenida das Caldas e do Barbaña.
Manuel Pardo puxo en valor que o trazado da nova senda é froito dunha extensa tramitación con dous procesos de información pública e destacou o consenso acadado coa veciñanza e a incorporación das súas suxestións, plasmadas nas modificacións levadas a cabo en varias paradas de autobús, que agora van dispoñer tamén de marquesiñas, así como nos aparcamentos en liña dos que se dotará á zona.
As obras
A nova senda, de uso peonil, deséñase co mesmo trazado en planta e alzado que presenta a estrada, mantendo unha beiravía de 0,50 metros desde a liña branca de bordo actual. A anchura é variable, en xeral entre 1,80 metros de mínimo e 3,00 metros de anchura xenérica sempre que foi posible ampliar plataforma (nun tramo puntual de 20 metros entre o pk 1+970 e 1+990 existen edificacións lindeiras coa estrada que reducen estas anchuras mínimas).
O trazado da estrada OU-402 non se modifica e non se actúa sobre a calzada máis aló do repintado de marcas viarias en todo o tramo. Así mesmo, a traxectoria da senda coordínase coa dotación nesta marxe dereita de bandas de aparcamento en liña que eviten que os vehículos aparquen invadindo o percorrido peonil.
A obra completarase con traballos adicionais de mellora dos sistemas de drenaxe, a preinstalación de canalizacións de servizos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.
Plan de Sendas da Xunta
Manuel Pardo destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, co que a Administración autonómica leva planificados e executados xa 300 kilómetros de itinerarios peonís e ciclistas no marco do seu compromiso coa mobilidade sostible e segura, co fin de que as persoas poidan desprazarse polas estradas de forma segura e saudable.
Deste xeito, o delegado territorial salientou que a Administración autonómica está a ampliar esta rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna, coidando a integración paisaxística, e lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 263 M€ para seguir avanzando en infraestruturas, coa posta en marcha de novas sendas, a aposta pola conservación nos viarios autonómicos cun investimento récord de 71,6 M€ e sumando novos quilómetros nas estradas de altas prestacións.





