Terá lugar os días 3, 4 e 5 de xullo.
O Concello de Allariz e a libraría Aira das Letras unen de novo as súas forzas para presentar unha nova edición do Festival Literario de Allariz (FLAZ). A cita, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo, consolídase como un espazo de referencia para o diálogo e a reflexión cultural no verán galego, reunindo a creadores, profesionais do sector e á comunidade lectora ao redor dos desafíos contemporáneos do libro.
Nesta edición, o FLAZ centrará o seu foco en cuestións de plena actualidade como os límites entre a verdade e a ficción, as novas olladas e inquedanzas na literatura actual e as transformacións na difusión de obras a través das redes sociais. Para abordar estes temas, o municipio contará coa participación de José Ignacio Carnero, Koldo Concejo, Tensi Gesteira, Juan Gómez-Bárcena, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez.
Un programa para o diálogo e o debate
As actividades comezarán o venres 3 de xullo, ás 19:30 h, coa conversa titulada «O peso da verdade na ficción e viceversa», na que José Ignacio Carnero e Juan Gómez-Bárcena debaterán sobre as complexas relacións entre a historia, a memoria e a invención literaria.
O sábado 4 de xullo a programación diversifícase. Pola mañá, ás 12:30 h, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez protagonizarán o encontro «Novas olladas, inquedanzas e temas na literatura actual», onde analizarán as perspectivas e as temáticas que moven ás novas xeracións de escritoras. Pola tarde, ás 17:30 h, será a quenda de Koldo Concejo e Tensi Gesteira, quen falarán sobre «A difusión da literatura nas redes: Novas linguaxes e novos obxectivos», compartindo a súa ampla experiencia sobre os novos formatos comunicativos e o papel das plataformas dixitais na promoção da leitura.
A xornada do sábado pecharase ás 19:30 h cunha mesa redonda que reunirá a todas as persoas convidadas nesta edición baixo o título «Escribir para un, escribir para os demais», un debate sobre a pulsión creativa en relación coas expectativas do público.
Espazo para o tecido editorial e a memoria
Máis alá das mesas de debate, o libro tomará a rúa coa celebración da Feira de Editoras na praza do Matadoiro, que estará aberta o sábado (de 16:00 a 21:00 h) e o domingo (de 11:00 a 21:00 h). Este mercado convértese nun punto de encontro directo entre o público e o tecido editorial galego.
Ademais, o domingo 5 de xullo, entre as 12:00 e as 21:00 h, desenvolverase unha lectura continuada de obras de Rafael Dieste, un acto aberto á participación de toda a veciñanza co que se lembrará o 45.º cabodano do autor de Rianxo.
Desde a súa fundación no ano 2022, o FLAZ persegue o obxectivo de de consolidar Allariz como un dos epicentros literarios de Galicia, apostando pola sostibilidade cultural e por un espazo aberto que pon en valor toda a cadea do libro, desde a creación e a tradución ata a edición e, por suposto, o hábito lector.





