O Museo do Viño de Galicia acollerá o 16 de novembro as V Xornadas sobre o futuro da vitivinicultura galega

O encontro celebrarase en Santo André de Camporredondo e contará coa participación de profesionais e divulgadores como Miguel Crunia, Susie Barrie e Peter Richards.

O Museo do Viño de Galicia, situado en Santo André de Camporredondo, acollerá o vindeiro 16 de novembro as 5as Xornadas «Falemos do Futuro da Vitivinicultura Galega», unha cita destinada a promover a cultura do viño e analizar os retos e oportunidades dun sector estratéxico para Galicia.

A presentación da iniciativa tivo lugar coa participación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e da directora do Museo do Viño, María del Pilar Núñez.
Durante o acto, Manuel Pardo destacou a relevancia dos relatores que intervirán nesta quinta edición, entre os que figuran os profesionais e divulgadores Miguel Crunia, Susie Barrie e Peter Richards.
As xornadas buscan contribuír á difusión da cultura vitivinícola galega e reforzar o posicionamento de Galicia como un dos destinos enoturísticos de referencia a nivel internacional.

O viño como motor económico e rural
Na presentación, o delegado da Xunta puxo en valor o papel do sector vitivinícola como actividade estratéxica pola súa contribución á economía, á creación de emprego e ao desenvolvemento do medio rural.
Neste sentido, repasou as principais liñas de apoio do Goberno galego, entre as que se atopan as axudas á reestruturación e reconversión do viñedo, á transformación e comercialización dos produtos vitivinícolas e á promoción en terceiros países. Tamén destacou as medidas destinadas á conservación da paisaxe.

Pardo lembrou que Galicia conta con cinco denominacións de orixe e cinco indicacións xeográficas protexidas, que identifican e protexen producións vinculadas ao territorio e ás variedades tradicionais.
Así mesmo, salientou o apoio da Xunta aos consellos reguladores mediante axudas para o seu funcionamento, o control e a certificación da calidade e a promoción dos produtos amparados.

No ámbito comercial, tamén destacou a aposta pola internacionalización dos viños galegos e a procura de novas oportunidades de mercado. Neste contexto, lembrou que os viños con calidade diferenciada forman parte de Aquí Sabemos, a marca que agrupa a estratexia de promoción dos Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia.
A celebración desta quinta edición das xornadas volverá situar o Museo do Viño de Galicia como punto de encontro para a reflexión e a divulgación arredor do presente e do futuro da vitivinicultura galega.