A Xunta investiu máis de 440.000 euros.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou, da man do alcalde, Plácido Álvarez, o estado das obras de mellora de espazos públicos no concello de Muíños, levadas a cabo grazas ao acordo de cooperación subscrito entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o ente municipal, que conta cun investimento de máis de 630.000 euros; dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego (442.943€), mentres que o concello de Muíños aporta o 30% restante (189.833€).
O delegado da Xunta explicou que a esta actuación levase a cabo no lugar de Muíños, parroquia de San Pedro de Muíños, na contorna de elementos do patrimonio cultural, do patrimonio natural (Reserva da Biosfera transfronteiriza Xurés-Gerés), de varios regatos, e de liñas eléctricas. Así mesmo, engadiu que tamén se actúa en zonas que se utilizan como punto de encontro e esparexemento do núcleo e que pola súa singularidade necesitan un adecuado acondicionamento para a súa posta en valor.
Durante a visita, Manuel Pardo detallou que a intervención aborda a mellora da pavimentación con revisión das instalacións urbanas e soterrado de redes para dar continuidade ás actuacións xa iniciadas noutra fases de humanización de rúas doutros núcleos seguindo os mesmos criterios, creando unha pavimentación idónea para o uso peonil e de tráfico lixeiro principalmente na parte antiga do núcleo buscando dar uniformidade a todo o conxunto.
O representante autonómico, enmarcou estas intervencións ao abeiro do Plan Hurbe, un programa co que a Xunta colabora cos concellos no impulso de actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio.
Neste marco, o delegado da Xunta fixo fincapé que, a través deste programa, a Administración autonómica tamén posibilita reforzar o atractivo das aldeas, vilas e municipios, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza, no reforzo da competitividade económica e na fixación de poboación, especialmente no rural.





