Celanova mellora a iluminación

Das rúas Fernández Losada e Encarnación e da zona verde na contorna de San Miguel.

O Concello de Celanova levou a cabo unha renovación no sistema de iluminación pública das rúas Fernández Losada e Encarnación, coa que se busca gañar en luminosidade e mellora da calidade de vida da veciñanza.

Os traballos consistiron na substitución de 29 grupos ópticos (14 luminarias dobres e unha simple) das luminarias existentes na rúa Fernández Losada, popularmente coñecida como rúa da Botica, que ofrecían un nivel de iluminación insuficiente. As novas luminarias contan cunha potencia de 40 vatios e unha temperatura de cor de 3.000 k. O alcalde, Antonio Puga, trasladou que o cambio supón unha mellora evidente da luminosidade, respectando os parámetros de emisión de luz e tamén unha mellor integración coa contorna, cunha luz cálida que resulta máis axeitada sobre a pedra. Na rúa Encarnación instaláronse 8 novas luminarias, igualmente cunha temperatura de cor de 3.000 k, neste caso cunha potencia de 70 vatios, o que supón un incremento notable da luminosidade da citada rúa.

Zona verde na contorna de San Miguel
Nestas mesmas datas levouse a cabo a substitución das balizas de iluminación da zona verde situada xunto á Capela de San Miguel. As luminarias foron obxecto de actos vandálicos e agora foron substituídas por novos modelos, en principio máis robustos, polo que se espera que ofrezan un mellor resultado e maior durabilidade.