Barrios 265 recolle a actualidade de Ourense e a provincia

O número 265 do xornal Barrios chega coa celebración dos 27 anos de Xantar, o récord histórico de participación na Carreira do San Martiño e a campaña das Eleccións Xerais do 29 de novembro destacan na portada dunha publicación que tamén presta atención á conmemoración do 25N, á actividade municipal, á cultura e ao deporte.

Como dicíamos, un dos grandes protagonistas é Xantar 2026, que celebra a súa 27ª edición en Expourense entre o 19 e o 22 de novembro. O Salón Internacional de Turismo Gastronómico reúne tres restaurantes, 74 expositores e máis de cen actividades, coa participación de Portugal como país convidado.
O deporte tamén ocupa un lugar destacado coa 49ª Carreira Popular do San Martiño, que bateu o seu récord histórico ao alcanzar os 11.057 participantes. A cita converteu Ourense nunha gran festa do atletismo, coa participación de corredores de todas as idades e modalidades.
Outro dos asuntos destacados son as Eleccións Xerais do 29 de novembro. Os partidos políticos xa están en campaña para unha convocatoria na que a provincia de Ourense elixirá catro representantes para o Congreso dos Deputados e outros catro para o Senado.
Completa a portada a conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha programación de actos institucionais, actividades educativas, obradoiros e iniciativas de sensibilización en diferentes puntos da provincia.

A actualidade da cidade de Ourense está marcada por varias actuacións relacionadas coa vivenda, a mobilidade e os servizos sociais. Unha das informacións máis relevantes é a cesión de tres vivendas municipais a Cáritas Diocesana, que se encargará da súa xestión durante cinco anos. Os inmobles incorporaranse ao programa Luscofusco, que combina aloxamento temporal con acompañamento educativo, formativo e laboral para favorecer a inclusión social de persoas e familias en situación de vulnerabilidade.
Tamén destaca o inicio das obras de humanización e mellora da mobilidade na rúa Rampa de Sas. O proxecto conta cun investimento de 3,59 millóns de euros e un prazo de execución de doce meses. Entre as actuacións previstas figura a instalación de seis tapices rodantes para salvar a forte pendente da zona, ademais da renovación de pavimentos e diferentes redes de servizos.
No ámbito da vivenda pública, a Xunta sorteará o 1 de decembro, ante notario, as 64 vivendas de promoción pública de Cambedo da Raia. O 40 % dos inmobles reservarase para menores de 36 anos e todas as adxudicacións serán en réxime de alugueiro.
A axenda solidaria da cidade inclúe tamén a celebración da 11ª Gala contra o Cancro, prevista para o 28 de novembro no Auditorio Municipal. A iniciativa, organizada pola Asociación Cultural As Canellas a favor da AECC, contará con diferentes actuacións musicais e artísticas.
Entre outras cuestións municipais, o xornal recolle a recuperación dunha subvención de 1,1 millóns de euros para as obras da Praza de Abastos número 1 e a celebración dun pleno extraordinario no Concello.

O Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín xa ten os gañadores da súa décima edición. O certame recoñeceu as mellores producións das seccións A Raia e Nova, ademais da película máis votada polo público. Na sección A Raia, o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe foi para Abellón, de Fon Cortizo. Na sección Nova, o recoñecemento recaeu en People & Things, de Damien Kosovski. Pola súa banda, Walud, de Daood Alabdulaa e Louise Zenker, conseguiu o Premio Especial do Público.
A información de Verín complétase coa promoción dos viños da Denominación de Orixe Monterrei nos mercados internacionais. Unha delegación de importadores e compradores dos Países Baixos e Irlanda visitou varias adegas  para coñecer de primeira man os proxectos vitivinícolas, os procesos de elaboración e a calidade dos viños.
Ademais, recóllese a apertura dunha nova convocatoria do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, que incorpora o itinerario territorial GreenHub Verín-Monterrei.

A Deputación de Ourense contará en 2027 cun orzamento de 112,75 millóns de euros, un 2,06 % máis que no exercicio anterior. O presidente provincial, Luis Menor, destacou a cooperación cos concellos, as infraestruturas e as políticas sociais como prioridades.
Entre as principais partidas figura o Plan CooperOU, que disporá de 20 millóns de euros. Tamén se reservarán 11 millóns para o mantemento e a mellora da rede viaria provincial, mentres que as políticas sociais, a recollida de residuos e a cultura e o deporte contarán con importantes dotacións.
Por outra banda, a Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA) celebrou a segunda edición de Ourense Territorio Emprendedor. O encontro reuniu profesionais, empresas e representantes institucionais para abordar cuestións fundamentais para a actividade empresarial, como a financiación, a fiscalidade, as axudas e subvencións, a ciberseguridade e a dixitalización.
A xornada buscou ofrecer ferramentas útiles ás persoas autónomas, favorecer o intercambio de experiencias e crear novas oportunidades de colaboración.

A información deportiva deste número destaca a homenaxe da Asociación Ourensá de Adestradores de Fútbol Afiador aos profesionais da comunicación deportiva da provincia.
O acto recoñeceu o traballo de xornalistas da prensa escrita, da radio e da televisión, poñendo en valor a súa contribución á difusión e á memoria do deporte ourensán. A xornada completouse cunha conferencia de David Samaniego, actual segundo adestrador do Hapoel Tel Aviv, que compartiu a súa experiencia no fútbol profesional.
No ámbito competitivo, o Club Salvamento Acuático Ourense (Salvour) iniciou a tempada da Liga Galega de Salvamento e Socorrismo cun destacado segundo posto na clasificación absoluta de Segunda División, con 211 puntos, nas probas celebradas en Arteixo e A Estrada. A nivel individual, destacou Eva Feijóo Gómez, vencedora dos 100 metros combinada de salvamento e segunda nos 200 metros natación con obstáculos. A sección deportiva tamén recolle os resultados da segunda Carreira Popular da Valenzá, na que Albino Fernández e Cris Pampín conseguiron a vitoria na distancia de dez quilómetros.
Ademais, o Concello de Ourense prepara o primeiro Campionato de Ourense de Brilé, previsto para febreiro ou marzo de 2027, e a Asociación Galega de Xestores Deportivos concedeu ao Concello de Ourense o Premio ao Mellor Concello pola súa xestión deportiva.