Trala inauguración, as primeira citas son en Bande e A Rúa.
A edición 46ª das Xornadas de Folclore de Ourense inaugurou, no Teatro Principal, o seu percorrido pola provincia coa tradicional e vistosa cerimonia de benvida aos preto de 170 participantes que levarán as músicas e danzas de catro continentes, durante os próximos dez días, por 16 vilas ourensás.
Neste acto de apertura, o vicepresidente segundo da Deputación e deputado delegado de Cultura, César Fernández, definiu as Xornadas de Folclore como “unha das grandes citas culturais do verán ourensán e unha demostración de como a cultura é capaz de tender pontes entre pobos que, malia estar separados por milleiros de quilómetros, comparten o orgullo polas súas raíces e tradicións”.
Fernández salientou que durante os próximos días “Ourense convértese nun punto de encontro entre culturas de catro continentes, levando a música e a danza tradicional directamente ás nosas vilas e achegando ao público unha oportunidade excepcional para coñecer outras formas de entender e expresar a identidade dos pobos”.
O deputado de Cultura puxo tamén en valor “a extraordinaria acollida que as Xornadas reciben cada ano por parte do público”, subliñando que “despois de 41 edicións, falamos dun evento plenamente consolidado, querido polos ourensáns e que forma parte xa da memoria cultural e afectiva de varias xeracións”.
Por último, César Fernández reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense coa continuidade desta cita: “Temos a responsabilidade de preservar e impulsar iniciativas que, como estas Xornadas, reivindican o valor do patrimonio cultural inmaterial e fan da nosa provincia un territorio aberto ao mundo, capaz de compartir a nosa cultura ao tempo que aprendemos e gozamos da dos demais”.
O público ourensán poderá gozar este ano da gran cita cultural do verán na provincia co talento dos grupos Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center de Armenia, con 30 membros; Elenco Ñukanchik de Ecuador, composto por 28 artistas; Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua de México, con 31 participantes; Folk Dance Group «Tucović» de Serbia, con 35 membros, o máis numeroso; YiTzy Folk Dance Theatre de Taiwán, con 29 participantes e Ballet Jammu de Senegal, última incorporación con 16 artistas.
Bande e A Rúa
As Xornadas inician o seu periplo pola provincia ourensá en Bande e A Rúa. Ecuador, Serbia e Taiwán levarán os seus repertorios ata a Praza da Constitución de Bande. O Festival comezará ás 20.30 horas.
Ás 22.30 horas o Parque de Aguillón de A Rúa acollerá as actuacións das agrupacións procedentes de Armenia, México e Senegal. Tódalas actuacións son gratuítas.
Organización
As xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento.
A emblemática Escola de Danza-Castro Floxo da Deputación foi a encargada de amosar o folclore ourensán neste primeiro acto das xornadas, no que os representantes dos grupos participantes subiron ao escenario ataviados cos seus traxes tradicionais durante o desfile de bandeiras.





