A Xunta fomenta a colaboración veciñal en Bande para reforzar a prevención dos incendios forestais

Manuel Pardo e a alcaldesa, Sandra Quintas, participaron na entrega de material a varias asociacións veciñais para impulsar os traballos de limpeza e xestión da biomasa.

A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa prevención dos incendios forestais e coa colaboración cidadá na xestión da biomasa. O delegado territorial do Goberno galego en Ourense, Manuel Pardo, acompañado pola alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, participou na entrega de material a varias asociacións veciñais do municipio para favorecer a súa implicación nos labores de prevención dos lumes.

A iniciativa enmárcase no convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias que a Consellería do Medio Rural mantén coa empresa pública Seaga, co obxectivo de apoiar os concellos e os propietarios no cumprimento das súas obrigas en materia de prevención de incendios.
Durante a visita, Manuel Pardo destacou a importancia da colaboración entre as administracións e a cidadanía para manter limpas as contornas dos núcleos de poboación e reducir o risco de propagación dos incendios forestais.

O delegado lembrou que a limpeza das faixas secundarias corresponde aos propietarios dos terreos e que, no caso de incumprimento, os concellos deben asumir estas actuacións de maneira subsidiaria, conforme establece a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais. Para facilitar este labor, a Xunta habilitou o convenio con Seaga, ao que están adheridos actualmente 91 concellos da provincia de Ourense.

Traballos de limpeza e acondicionamento
As asociacións veciñais de Bande desenvolverán diferentes actuacións destinadas a mellorar a seguridade dos núcleos rurais e reducir a presenza de biomasa vexetal en zonas de risco.
Entre os traballos previstos figuran a limpeza e o acondicionamento de camiños públicos e accesos a parcelas e vivendas, así como a eliminación de matogueiras, maleza e vexetación forestal nas proximidades das casas, pistas forestais e áreas especialmente sensibles aos incendios.

As intervencións tamén incluirán a rexeneración e o mantemento de espazos verdes en zonas forestais e áreas degradadas, ademais da roza e limpeza de espazos públicos e zonas comúns próximas aos núcleos de poboación.
Con esta iniciativa, a Xunta busca reforzar a prevención dos incendios forestais mediante a implicación directa das asociacións veciñais, ao tempo que contribúe á conservación ambiental, á mellora das contornas rurais e á seguridade da poboación.