Hoxe toca o turno de Allariz e Maceda.
As 46ª Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense levaron a Celanova e O Barco de Valdeorras a música, as danzas e as tradicións de diferentes partes do mundo, nunha dobre xornada cultural que permitiu ao público achegarse á diversidade do folclore internacional.
En Celanova, o claustro do mosteiro acolleu ás 20:30 horas as actuacións das agrupacións procedentes de Armenia, México e Senegal. O histórico espazo celanovés converteuse así nun escenario privilexiado para coñecer diferentes formas de expresión artística, combinando música, danza e tradición popular.
Centro histórico de Celanova foi un dos puntos de referencia dunha xornada na que a cultura tradicional de distintos países compartiu protagonismo co patrimonio local.
Unhas horas máis tarde, ás 22:30, as Xornadas desprazáronse ata O Barco de Valdeorras. O Paseo do Malecón acolleu os espectáculos das formacións de Ecuador, Serbia e Taiwán, nunha noite na que o público puido gozar de propostas culturais moi diferentes entre si.
As actuacións forman parte dun programa que reúne nesta edición 178 artistas internacionais repartidos en seis agrupacións procedentes de Armenia, Ecuador, Kenia, México, Serbia e Taiwán. As Xornadas percorren durante estes días diferentes concellos da provincia de Ourense, achegando aos espazos públicos unha mostra da riqueza e variedade das culturas tradicionais de varios continentes.
As Xornadas de Folclore continuarán percorrendo a provincia ata o 20 de agosto, con novas actuacións en diferentes localidades.
Este mesmo xoves chega o turno de Allariz (22.30h) no Campo da Barreira e en Maceda (22.30h) na rúa do Toural.
O día 18, os seis grupos reuniranse de novo na cidade de Ourense para protagonizar un desfile e un festival na Praza Maior, mentres que o día 19 está prevista unha última actuación conxunta no Auditorio do Castelo de Ribadavia.





