Verín e Manzaneda convertéronse nos anfitrións do folclore mundial no ecuador das Xornadas

Ecuador, Serbia e Taiwán invadiron cos seus repertorios o Patio do Colexio de Manzaneda e Armenia, México e Senegal despregaron o seu talento no Parque Preguiza de Verín.

Os escenarios estiveron listos para acoller, en Verín e Manzaneda, a maxia que supuxo a unión de distintas culturas e pobos a través do folclore de cada país. A riqueza destas tradicións, recompilada en anos de traballo, quedou tamén reflectida nos distintos traxes que cada grupo luciu en cada unha das súas actuacións e que tiveron un significado específico, representando danzas con orixes moi diversas.

As Xornadas chegaron ao seu ecuador levando o grupo armenio «Sebastia Dance Ensemble-Taron Aesthetic Center», a Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua de México e o Ballet Jammu de Senegal ata o Parque Preguiza de Verín. En Manzaneda, o público puido gozar coas postas en escena do grupo ecuatoriano Elenco Nukanchik, do Folk Dance Group «Tucovic» de Serbia e da agrupación taiwanesa Yitzy Folk Dance Theatre.
O grupo de Senegal, incorporado a última hora en substitución de Kenya, cumpriu este ano a súa maioría de idade. Naceu en Dakar no 2008 como resultado dun proxecto con dous obxectivos: facer un grupo de folclore estable e crear unha escola de música e danza.
O Centro Cultural de Yoff, un barrio mariñeiro de Dakar no que vivían os Lebu, unha peculiar etnia de pescadores cun idioma e cultura propia, foi o espazo onde xurdiron as coreografías e se realizaron os ensaios. O ballet Jammu acolleu a mozos músicos e bailaríns de todas as etnias de Senegal (Wolof, Bambara, Peul, Toutcouleur, etc.).

O público ourensán tivo a oportunidade de descubrir en cada actuación as danzas máis tradicionais deste país africano, como o Sabar ou o Djembe. Nas actuacións do grupo, os asistentes ao espectáculo quedaron impresionados coas rechamantes danzas que combinaron movementos cheos de enerxía cunha espectacular acrobacia, baseadas no ritmo Mbalax, que se obtivo dos tambores Sabar, empregados durante séculos polos Wolof do Senegal.

Obradoiros e espectáculos
Hoxe sábado, 15 de agosto
Entrimo – 20.30h Alameda
Castro Caldelas – 22.30h Praza do Prado

O folclore do mundo conquistará esta noite ao público de Entrimo e Castro Caldelas. Os 77 compoñentes, entre músicos e danzantes, que forman as agrupacións artísticas de Armenia, México e Senegal amosarán na Alameda de Entrimo un amplo abano dos distintos folclores que forman parte da ampla cultura de cada un dos países.

Ata a Praza de Prado de Castro Caldelas viaxará un grupo máis numeroso, o formado polos 92 artistas procedentes de Ecuador, Serbia e Taiwán, que ofrecerán aos asistentes ao Festival a oportunidade única de gozar das tradicións ancestrais asentadas en tres continentes diferentes.

Polas tardes, antes de iniciar a viaxe ás localidades anfitrioas, os participantes nesta XLI edición participan nunha actividade moi especial: obradoiros de baile para intercambiar coñecementos das súas danzas e músicas e que serven, ademais, para fortalecer a convivencia.

México foi o primeiro en asumir a tarefa de ser mestre dos seus compañeiros, seguido de Serbia. A quenda de hoxe é para os membros de Senegal e despois será o grupo de Taiwán o responsable de impartir o obradoiro.

Esta iniciativa arrancou o ano pasado como actividade alternativa para os compoñentes dos grupos participantes ante a suspensión dos festivais en diversas localidades, por mor da traxedia dos incendios que asolaron a provincia. Dado o éxito acadado, a organización das Xornadas decidiu repetir os obradoiros este ano logrando de novo unha resposta moi positiva entre os participantes que destacan a posibilidade de coñecer mellor o traballo dos outros grupos e tamén poder ensinar parte do seu.