As seis compañías actuaron na praza Maior tralo tradicional desfile.
Na penúltima xornada das XLI Xornadas de Folclore de Ourense, o folclore do mundo encheu de músicas e danzas as rúas da cidade. Ás 22.30 horas, as seis agrupacións artísticas iniciaron un vistoso e sonoro desfile desde o Parque de San Lázaro ata a Praza Maior, onde se congregou o público para gozar da diversidade das tradicións folclóricas representadas.
O desfile estivo encabezado polos ritmos do grupo de Senegal, seguido de Armenia, das danzas de Taiwán, dos traxes de Ecuador, dos 35 membros da agrupación serbia e, finalmente, do folclore mexicano.
Unha vez na Praza Maior, os grupos subiron ao escenario na seguinte orde: YiTzy Folk Dance Theatre de Taiwán, que realizou un segundo pase despois de México; Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center de Armenia; Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua de México, que repetiu para pechar o Festival; Ballet Jammu de Senegal; Elenco Ñukanchik de Ecuador; e Folk Dance Group «Tucović» de Serbia.
Ao longo desta edición, os preto de 170 artistas participantes demostraron nas súas actuacións o alto nivel dos repertorios que levaron a 16 escenarios diferentes. A súa presenza confirmou, un ano máis, o recoñecemento internacional das agrupacións participantes e o interese do seu traballo artístico.
A calidade organizativa das Xornadas foi tamén un dos motivos polos que o Festival é membro activo de pleno dereito do CIOFF-España (Confederación Internacional de Organizadores de Festivais Folclóricos), organización dependente da UNESCO, desde 1999. Esta pertenza garante a presenza nas Xornadas de grupos de recoñecido prestixio mundial.





