Unha fin de semana para gozar da gastronomía, a cultura e o deporte.
Allariz xa ten en marcha a Festa da Empanada. A programación bota a andar o venres 21 pola mañá co Campionato de Billarda Infantil no Campo da Barreira (11:00h). Á tarde será a quenda do teatro de rúa na Alameda coa compañía Ghazafelhos e a obra Sherezade, Aladino e os Tres Beduínos (20:00h), mentres que a Banda Unión Musical de Allariz porá a nota musical á noite cun concerto de bandas sonoras ás 22:30h na mesma Alameda.
O sábado 22 achegará unha das citas deportivas máis agardadas coa disputa do XXXIV Triátlon (18:00h, na Alameda). A partir das 21:00h, os Xardíns do Museo do Coiro acollerán a Xornada Gastronómica para degustar a empanada local. A música será protagonista na noite cos concertos de Soul & Roll e Los Camachuelos (21:30h), aos que seguirá a sesión con DJ Varo Alonso a partir da medianoite.
O domingo 23 a xornada comezará ás 11:00h co pasarrúas da Banda Unión Musical e a XXXV Regata de Piragüismo – Copa Deputación no embarcadoiro da Alameda. O Campo de Vilanova concentrará boa parte do ambiente festivo durante o día coa tradicional Festa Campestre (con churrasco e polbo, e entrada libre), o desfile de Xigantes e Cabezudos xunto ao grupo De Pé Feito (12:00h), a actuación da Banda Unión Musical (13:00h) e o concerto de Lorelia ás 19:30h.
Ademais, no eido deportivo ás 18:00h xogarase no Seixo o partido amistoso entre o C.D. Allariz e o A.D.F. Molgas, e a festa rematará nos Xardíns do Museo do Coiro co baile popular amenizado pola Orquestra Compostela (21:00h).
Durante toda a fin de semana haberá venda continua de empanadas nos establecementos de hostalería, panaderías e pastelarías de Allariz.





