Manuel Pardo destaca o papel destas oficinas no impulso de autónomos e pequenas empresas e salienta que o Polo de Baños de Molgas atendeu máis de 200 iniciativas, o 56% lideradas por mulleres.
A Xunta de Galicia continúa reforzando o seu apoio ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pequenas empresas a través da Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego. Así o destacou o delegado do Goberno galego en Ourense, Manuel Pardo, durante a súa visita ao Polo de Baños de Molgas, onde puxo en valor o traballo desenvolvido por este servizo para dinamizar o tecido económico das comarcas da contorna.
Pardo visitou as instalacións acompañado polo alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández, e salientou a importancia de ofrecer ás persoas emprendedoras asesoramento e acompañamento gratuítos tanto á hora de poñer en marcha unha actividade como no proceso de consolidación dun negocio xa existente.
Na provincia de Ourense, a Rede de Polos está formada por catro oficinas, situadas en Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín. En conxunto, estes centros levan asesorado arredor de 1.400 proxectos, converténdose nunha ferramenta de apoio para o emprendemento e a actividade económica no territorio.
Preto de 42 millóns para apoiar ao colectivo autónomo
Durante a visita, o delegado da Xunta tamén destacou o esforzo económico realizado polo Goberno galego para apoiar o colectivo autónomo. Neste exercicio, a Administración autonómica destina preto de 42 millóns de euros a este obxectivo, dos que máis de 40,7 millóns se concentran nunha orde unificada de axudas.
Esta convocatoria integra cinco programas destinados a cubrir diferentes necesidades ao longo da vida dos proxectos empresariais, co obxectivo de simplificar a tramitación e facilitar o acceso aos apoios.
Entre as medidas incluídas figuran o programa de Promoción do Emprego Autónomo e a cota cero, orientados ao inicio da actividade e ao mantemento do emprego; o Bono das Persoas Traballadoras Autónomas, destinado á consolidación dos negocios; o Bono Remuda, para facilitar o relevo xeracional e a transmisión de empresas; o Bono Nova Oportunidade, dirixido a persoas que retoman a actividade por conta propia; e o programa de conciliación, destinado a favorecer o equilibrio entre a vida laboral e familiar.
O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2026.
Baños de Molgas, un foco de emprendemento na contorna
O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Baños de Molgas, posto en marcha en marzo de 2024, xa prestou asesoramento a máis de 200 iniciativas empresariais e acompañou a creación de 16 entidades xurídicas.
Entre os datos máis destacados figura o peso das mulleres entre as persoas atendidas: o 56% dos proxectos asesorados están liderados por mulleres, un dato que evidencia o seu protagonismo no emprendemento da provincia e de Galicia.
O ámbito de actuación deste Polo abrangue as comarcas de Allariz-Maceda, Terra de Celanova e Baixa Limia, prestando servizo a numerosos concellos do interior da provincia e achegando os recursos de apoio ao emprendemento ao ámbito local.
Con esta rede de oficinas, a Xunta busca facilitar que as persoas que teñen unha idea empresarial dispoñan de acompañamento especializado desde os primeiros pasos do proxecto e tamén durante as fases de consolidación e crecemento da actividade.





