A Xunta mellora a seguridade e accesibilidade da rúa Bispo Lourenzo dentro do seu plan de renovación das travesías de Ourense

As obras inclúen o asfaltado integral da vía, a renovación e ampliación de beirarrúas e a adecuación dos pasos de peóns.

A Xunta de Galicia avanza nos traballos de mellora das infraestruturas viarias e da accesibilidade na cidade de Ourense, cunha actuación na rúa Bispo Lourenzo que permitirá renovar o firme, mellorar as beirarrúas e incrementar a seguridade dos pasos de peóns.

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ata a zona acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para supervisar o estado dos traballos, que forman parte do proxecto impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para a mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, cun investimento global superior aos 2,8 millóns de euros.

A actuación na rúa Bispo Lourenzo contempla a renovación do firme nas zonas que presentaban un maior deterioro. Para iso realizouse un fresado puntual e a posterior reposición do pavimento, antes de estender unha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente ao longo de toda a rúa. Unha vez rematados estes traballos, procederase ao pintado da sinalización horizontal.

Beirarrúas máis accesibles e seguras
A intervención da Xunta abrangue tamén as beirarrúas, cunha serie de actuacións destinadas a facilitar a mobilidade peonil e eliminar barreiras de accesibilidade.

Entre as medidas executadas atópase a instalación de baldosas podotáctiles nos pasos de peóns, así como a substitución puntual de plaquetas soltas ou rotas e de bordos deteriorados.

Ademais, construíuse unha nova beirarrúa na marxe esquerda da rúa ao longo da zona de aparcamento situada entre os edificios e o paso superior, incluíndo a recolocación e reparación da varanda existente.

Os traballos tamén permitiron ampliar as beirarrúas en ambas marxes baixo o paso superior e no cruzamento coa rúa Mateo de Prado. Neste último punto, a actuación busca mellorar a visibilidade do paso de peóns e inclúe a creación dun parterre vexetal. Na marxe dereita, a Xunta executou igualmente unha nova beirarrúa de formigón desde o paso superior ata a glorieta da rúa Isaac Piñeiro.

Un plan para 13 travesías urbanas
Manuel Pardo destacou que o obxectivo destas actuacións é mellorar a seguridade e a comodidade tanto dos peóns como dos condutores, especialmente nos cruces e pasos de peóns.

As intervencións contemplan medidas como a instalación de pavimento podotáctil, a execución de rebaixes e a ampliación de beirarrúas para crear zonas de refuxio nos pasos de peóns.

A actuación na rúa Bispo Lourenzo intégrase nun plan máis amplo da Xunta para a renovación de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica na cidade de Ourense. O proxecto inclúe tamén actuacións nas rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Coruña, Peña Trevinca —no tramo de titularidade autonómica—, Seminario, Sáenz Díez, avenida de Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela, Pena do Vado, avenida de Ponferrada e avenida de Zamora.

Con este programa, o Goberno galego mobiliza máis de 2,8 millóns de euros para modernizar estas vías, mellorar o seu estado de conservación e avanzar na creación de espazos urbanos máis seguros e accesibles para a cidadanía.