O delegado da Xunta visitou as obras.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao concello de Monterrei para, acompañado do seu alcalde, José Luis Suárez, supervisar o estado das obras para a restauración da torre do campanario da igrexa de San Salvador de Vilaza, nas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, inviste máis de 500.000 euros.
O delegado da Xunta explicou que as actuacións levadas a cabo pretenden resolver os problemas de estabilidade na torre e outras cuestións relacionadas co aspecto e conservación nas fábricas de pedra. Ademais, puntualizou, que tamén se está a intervir sobre o funcionamento das instalacións de electricidade e de protección fronte aos raios.
Nesta liña, Manuel Pardo resaltou que esta intervención contempla dar solución aos danos estruturais que presenta a torre do campanario, xa que tiña importantes fisuras e gretas que provocaban deformacións neste elemento. Ademais, se está a realizar unha limpeza externa e interna.
O representante do Goberno galego puxo en valor a aposta decidida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso, “dende a Xunta queremos manter vivo o legado dos nosos antepasados”. “Froito da nosa historia -continuou o delegado territorial, as nosas crenzas, as nosas vivencias e ensínanos o que fomos, outórganos identidade. Ensínanos de onde vimos e permite coñecernos mellor como sociedade e individuos e, xa que logo, axúdanos a entender os problemas do presente e prever os do futuro”.
As obras
Os traballos céntranse en recolocar a esquina superior da fabrica de pedra das fachadas noroeste e suroeste, así como na substitución dos forxados e escaleiras interiores de formigón armado por unha nova estrutura horizontal de madeira colocada nos niveis orixinais. Ademais, disponse dun atirantado metálico ancorado nas esquinas da fábrica e se están a realizar inxeccións e recheos de xuntas e gretas con morteiro de cal.
Por outra banda, executase a recolocación das campás e do reloxo no que tamén se acomete unha limpeza da maquinaria antiga, ademais de rehabilitar elementos escultóricos singulares. A isto engádeselle a colocación dunha nova instalación eléctrica e de iluminación, un novo pararraios e mallas antipaxaros nos ocos.
A igrexa de San Salvador de Vilaza
A igrexa de San Salvador de Vilaza aínda conserva unha torre da fortaleza de estilo románico. No lado norte da torre hai vestixios dunha construción anexa. Na finca deste lado norte hai abundantes fragmentos de tégula, cerámica medieval de pastas grises e tella arábiga. No adro atopáronse pedras traballadas e varios mulfios romanos e fragmentos de fustes de columnas graníticas que, pensamos, puideran proceder deste mesmo xacemento.
A igrexa ten planta rectangular co presbiterio máis elevado e sancristías engadidas. Os muros son de sillería. Na fachada, ten unha porta de arco de medio punto con arquivoltas de boceis e medias canas sendo a máis exterior de xadrezado; estas sobre impostas, pois desapareceron as columnas engadidas. No muro sur, a portada ten un lintel con molduras dobradas nos ángulos que deixan no medio unha banda lisa historiada. A porta encádrase en pilastras con capiteis xeométricos, un friso de superficie curva e unha arquitrabe. Baixo o beiril, ten unha fornela cunha imaxe e volutas laterais.
É significativa a gran torre prismática cuadrangular con ventás de arco de medio punto con desaugadoiros semicirculares con decoración de xadrezado. A torre do antigo mosteiro fundado no ano 985. Mosteiro dúplice, logo pasou aos Coengos Regulares de San Agostiño (hai quen afirma que foi rexentado polos templarios). O campanario posúe planta cadrada. Do edificio antigo consérvase a Torre dos Templarios.





