Vigo acolle este mes de setembro este festival, só apto para frikis.
É xa un lugar común, cando se fala do xénero fantástico, asegurar que as obras adscritas a este xénero xorden en épocas particularmente turbulentas da humanidade, coma unha maneira de sublimar e procesar, mediante a súa plasmación en símbolos e signos, en arquetipos comúns, os anceios, temores e angustias do público, que podería así acada-la catarse no seu doble significado aristotélico: como purificación das emocións e como comprensión intelectual desas devanditas forzas que os atafegan.
Quizabes, entón, era inevitable que xurdise o Galician Freaky Film Festival no ano dous mil dazasete; unha terra que levaba xa varios anos asoballada por unha crise infinita (austeridade, incerteza, paro, rexurdimiento da emigración…) era terreo feraz para a aparición deste xénero de novo das nosas vidas; o noso inconsciente colectivo, o espírito do momento, o zeitgeist (se nos queremos pór hegelianos) precisaba deste festival, deste ritual colectivo (un dos poucos que quedan nesta era de individualismo a ultranza) como é a proxección cinematográfica pra sermos quen de procesar todos eses anos de refugallo mental, de sofrimento e de desacougo.
Porén, dito así semellaría que os que acodimos ano tras ano ó GFFF facémolo coma os penitentes da Idade Media, con flaxelos nas mans, saloucando e azotándonos a nós mesmos. Nada máis lonxe da realidade: no GFFF hai risas, arrepíos, berros, humor, desconcerto, e sí, bágoas tamén (¡ÁRTAX!). Eiquí hai unha celebración gozosa do cinema fantástico, dos seus arquetipos e mitos «[…] antigos e modernos, que son tan relevantes para a vida actual coma os mitos do pensamento correcto, do confort e da paciencia da clase media que se atopan nos dramas familiares, nos espectáculos bíblicos ou nos filmes do Oeste»1.
Porque o Galician Freaky Film Festival é, sobre todo, unha labor de AMOR. Amor polo xénero popular por antonomasia, o xénero que definiu a infancia da nosa e das seguintes xeracións, xa que somos as que dispuxemos da posibilidade de disfrutar deste cinema sen depender da exhibición nunha sala, xa fose en televisión, en vídeo, en DVD ou en streaming; e somos os que puidemos coñecer, grazas a Internet, o cine freak de cinematografías ata entón moi pouco coñecidas (Turquía, Indonesia, Filipinas, Hong Kong…). Mais non só é unha celebración nostálxica (pois entón remataría por esgotarse ó pouco tempo), senón que tamén é un escaparate pra novas voces, primando ademáis un formato tan esquecido polo mercado coma é a curtametraxe. Con moito sentidiño saben apoiarse nos clásicos que constitúen os alicerces do xénero pra poder mirar ó futuro con máis confianza.
Engádese a isto unha constelación de actividades paralelas, ergueitas con perseverancia ó redor deste núcleo, que foron aumentando a importancia do GFFF no ecosistema cultural local primeiro, galego despois, e hoxe en día no internacional: mesas redondas, conferencias, mercado de artesanías e merchandising, concurso de banda deseñada…
Foi un longo camiño o percorrido polos organizadores, polos freaks (así se alcuman a sí mesmos) que poden gabarse con xustiza por todo o que acadaron. No día de hoxe, co festival xa asentado, é sinxelo esquecer os inicios humildísimos no mercado da Pedra, das proxeccións nun supermercado abandonado, dos cambios de sede, da búsqueda de patrocinios… Unha tarefa titánica que se fixo, non por recompensa nin por precio, senón por puro e desintarado amor. Un amor que desborda os peitos dos organizadores, que non só acadaron o rarísimo logro de levantar, a pura vontade e teima un festival de cinema adicado a un xénero ignorado pola cultura oficial, senón que, cousa todavía máis meritoria nunha cidade, Vigo na que os festivais de todo tipo aparecen e desaparecen coma a brétema nunha mañá de verán, conseguiron que perdure no tempo. E canto tempo! Dez anos, unha década cumprida, que se di pronto.
O Galician Freaky Film Festival (GFFF) regresa este ano fiel a súa cita neste mes de setembro. Do 17 ao 26 de setembro nos cines Tamberlick da praza Elíptica.
R. Blanco
1.- “[…] ancient and modern, that are as relevant to modern living as the myths of right-thinking, of comfort, and of middle-class patience to be found in family dramas, biblicas spectacles, or the Westerns.” Clarens, Carlos. AN ILLUSTRATED HISTORY OF HORROR AND SCIENCE FICTION. Da Capo Press. 1997.





