O Vampiro que nos intentou roubar a alegría «Que fría prisión é a tristeza» —As máscaras do fin do mundo, Ramón Loureiro

Crónicas Vampíricas

A tarde cedeu a melancolía da falsa primavera á noite, que ameaza co brazo erguido e a lombos do sétimo corcel apocalíptico.
No reino dos chupadores de sangue non existen xinetes nin cabalos brancos, só cuadrúpedes negros —ora cabalos, ora dragóns ou bestas— que xorden das simas escuras das covas e dos cubos sen fondo dos ríos sen sombra.

A cadela derramouse nas súas vellas pesadelas: as loitas por sobrevivir ao abandono entre o fedor dos refugallos, a ferida que case lle seccionou de raíz o rabo, a desesperación da crueldade impensada e o desprezo dos que deberan ser a súa familia.

Os dous sabemos dabondo de abandonos e orfandades. Pode que fose a escola necesaria para sermos elixidos como combatentes nesta loita desigual contra as lexións do mal que nos acechan sen tregua.
Ao anoitecer, na xanela do templo, observo como a Virxe cativa desempolva os vellos roupaxes do Creador de ollos mortos e limpa con seda o cáliz dos sacrificios. É unha das vestais entregadas á dura loita de manter aceso o lume sagrado que a xeada e a maligna sombra perturban.

Ao vela, soubemos que o responsable da Creación das miradas desviadas durmiría no soto do santuario. Por iso, ás doce en punto, dirixímonos cara alí, talvez faltos da decisión necesaria.
Esta noite fracasamos: o lugar de repouso foi substituído antes de que chegásemos. Non deixaron ningunha pista do seu paradoiro, sinal da fortaleza do averno e síntoma da nosa falta de fe.
«Este xénero só se vence con oración e xaxún». Chegounos, coma un mantra, a vella lección aprendida, pero ás veces esquecida. Derrotados, regresamos aos nosos aposentos.
Esta madrugada meditaremos e oraremos, purificarémonos con óleos santos e cantaremos himnos sagrados e antigos.

A loita continúa. Somos instrumentos na Man do Poder, simples vaixelas de barro en man do oleiro. Lamberemos as nosas feridas e pediremos consolo ao único que ten poder para salvarnos do noso fracaso e de nós mesmos.

A cadela treme e chora. Consóloa con caricias e palabras no seu idioma: o da linguaxe do amor.
—Ten razón Loureiro: «É fría a prisión da tristeza» —dime nun murmurio.
—Si —respóndolle—, pero a pedra dos Reis Magos criou musgo florecido na Terra de Escandoí, e en Ribas do Asneiro uns cabaleiros están a restaurar a capela desolada, mentres os vellos muíños aínda moen o millo criado coa suor dos nosos mortos.
É triste, mais cando a noite é máis noite, créase máis claro o amencer.
E, ao mirala aos ollos, esfumouse a miña tristeza.

Avelino Jácome