Rock alternativo no Our Fest

Expourense acolle a 5ª edición o 19 de setembro.

Our Fest celebrará o vindeiro 19 de setembro, sábado, en Expourense a súa quinta edición, consolidado xa como unha das citas de referencia do rock alternativo en Galicia. O festival, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de Concertos do Xacobeo, reunirá nunha única xornada seis propostas da escena internacional, estatal e galega.

O cartel estará encabezado pola mítica banda escocesa The Jesus and Mary Chain, acompañada de The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto. Unha programación que percorre máis de catro décadas de rock alternativo e combina nomes históricos con artistas da escena independente actual.

Durante a presentación, o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, destacou o papel de Our Fest na descentralización da actividade cultural e na capacidade de Ourense para atraer público de Galicia, doutras comunidades e do norte de Portugal.

O festival manterá o seu formato de xornada única e recinto cuberto, contribuíndo a ampliar a oferta cultural da cidade e a xerar actividade turística ligada tamén ao termalismo, o patrimonio e a gastronomía ourensá. As entradas están á venda en https://ourfest.gal/ a un prezo de 44 euros.