As celebracións arrincan este martes e prolongaranse ata o sábado 19, con dúas tiradas de fogos, grandes orquestras e unha Festa da Xuventude como principais atractivos.
O Carballiño xa está preparado para vivir os días grandes das Festas de San Cibrao 2026, que comezan este martes cunha programación na que a música, as tradicións e o ambiente festivo serán protagonistas. Os festexos, organizados pola Comisión de Festas do San Cibrao coa colaboración do Concello, prolongaranse ata o sábado 19, coa tradicional Romaría da Saleta como colofón.
Entre as actividades máis agardadas están as dúas tiradas de fogos de artificio, previstas para as noites do mércores 16 e do venres 18, e a Festa da Xuventude, que terá lugar na noite do venres na Praza Maior e dará continuidade á celebración organizada durante a Festa do Pulpo.
A programación arrinca este martes, día 15, ás 11.30 horas, co pasarrúas da Charanga Castrobello, que volverá percorrer as rúas da vila ás 19.00 horas. Ás 18.30 horas terá lugar o concerto da Escola Moderna Pulpo Beats, mentres que pola noite o Grupo Assia será o encargado da verbena na Praza Maior, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 horas.
Fogos e grandes orquestras no día previo a San Cibrao
O mércores 16 celebrarase o tradicional Feirón do Carballiño, acompañado da animación musical dun grupo de música tradicional da vila. A xornada continuará coa actuación da orquestra Gran Parada, ás 20.00 horas na Praza Maior.
Un dos momentos máis esperados chegará ás 23.00 horas, cando o Parque Municipal acolla a primeira gran tirada de fogo fixo e voador das festas. Posteriormente, Gran Parada ofrecerá o seu segundo pase na Praza Maior e, xa de madrugada, ás 00.30 horas, a orquestra Combo Dominicano tomará o relevo na Praza da Veracruz.
O propio día de San Cibrao, o xoves 17, comezará ás 11.30 horas co pasarrúas da Charanga CLK, que volverá actuar polas rúas da vila ás 19.30 horas. Durante a tarde tamén está prevista a actuación da Agrupación Musical de Boborás e, ás 20.00 horas, o concerto de Gallaecia Big Band na Praza Maior.
A noite estará protagonizada pola orquestra Olympus, que actuará a partir das 23.00 horas na Praza da Veracruz.
A Festa da Xuventude e os fogos da Festa do Pulpo
O venres 18 será outra das grandes xornadas festivas. A Charanga Dr. Anchoa será a encargada de abrir o día cun pasarrúas ás 11.30 horas, que se repetirá pola tarde, ás 19.30 horas.
A música continuará coa Orquestra Principal, que ofrecerá dous pases na rúa Calvo Sotelo, ás 20.00 e ás 23.30 horas.
Ás 23.00 horas, o Parque Municipal volverá iluminarse coa segunda gran tirada de fogo fixo e voador, nesta ocasión dedicada á Festa do Pulpo, que durante as últimas semanas reuniu milleiros de persoas no Carballiño.
A partir das 23.30 horas, a Praza Maior converterase no epicentro da noite coa Festa da Xuventude, protagonizada pola discomóbil A Gramola. A cita contará coa participación dos DJs Saul Gallego, Imcode, Duo y Medio e Diego Valeiras, nunha proposta que pretende prolongar o ambiente festivo da Festa do Pulpo.
A Romaría da Saleta pecha os festexos
O sábado 19 chegará unha das citas máis tradicionais do calendario carballiñés: a Gran Romaría da Saleta, que cada ano reúne milleiros de persoas.
Na vila tamén se celebrará o Memorial José Luis Blanco, Encontro de coches clásicos e históricos, unha cita para os afeccionados ao motor que comezará ás 10.00 horas na Praza da Veracruz.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a masterclass do fotógrafo Mario Cea, incluída na programación do Arenteiro Fotográfico.
As celebracións prolongaranse ata o domingo 20, cando se celebrará o Día do Neno, cunha xornada na que os máis pequenos poderán beneficiarse de descontos nas atraccións e xogos.





