Trasalba énchese de cultura e emoción na presentación do número 22 de Nós, a Xente do Redor

A Casa Museo Otero Pedrayo acolleu unha multitudinaria celebración.

A Casa Museo Fundación Otero Pedrayo – Pazo de Trasalba converteuse nun gran punto de encontro da cultura coa presentación do número 22 de Nós, a Xente do Redor, nunha xornada marcada pola elevada asistencia de público, a emoción e a participación de autores, artistas, entidades culturais e representantes institucionais.

A resposta do público volveu superar as expectativas e encheu a Casa do Patriarca nun acto no que literatura, poesía, pintura e música compartiron protagonismo. Máis alá da presentación dunha nova publicación, Trasalba acolleu unha verdadeira celebración colectiva da cultura e da capacidade desta para crear vínculos entre persoas, territorios e xeracións.

O escenario tiña nesta ocasión un significado especial. O número 22 está dedicado á figura de Ramón Otero Pedrayo, e a súa portada reproduce un retrato do Patriarca realizado pola pintora Lola Doporto. A artista protagonizou un dos momentos máis emotivos da mañá coa doazón da obra á Fundación Otero Pedrayo, facendo que o retrato permaneza precisamente na casa e no universo cultural da figura que o inspirou.

A presentación contou igualmente cunha destacada representación institucional, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; das senadoras Carmen Leyte e Rosa Sánchez; do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; e do deputado Juan Casares, ademais doutros representantes do ámbito cultural, asociativo e social.

A presenza das institucións sumouse á ampla representación do tecido cultural, nun acto no que participaron numerosos autores e autoras da publicación e representantes de diferentes entidades e asociacións, amosando unha vez máis a vocación plural e aberta que caracteriza a Nós, a Xente do Redor desde o seu nacemento.

Ao longo da mañá sucedéronse as intervencións literarias e poéticas, acompañadas por unha programación musical que contribuíu a crear algúns dos momentos máis emotivos da xornada.
As diferentes voces participantes converteron a presentación nun diálogo entre literatura, música, memoria e creación contemporánea, reforzando tamén os vínculos culturais entre Galicia e Portugal.
O encontro culminou coa interpretación do Himno de Nós, nun momento especialmente emotivo para autores e asistentes, e cunha Rianxeira compartida que puxo o broche festivo a unha mañá na que a cultura foi a verdadeira protagonista.
O número 22 supón ademais un novo paso na consolidación dun proxecto colectivo que, desde a aparición do seu primeiro número, foi incorporando voces, disciplinas e sensibilidades ata reunir arredor de Nós, a Xente do Redor a máis de 300 autores e colaboradores, convertendo a publicación nun amplo espazo de encontro para a creación, a memoria e a cultura.
Desde Nós, a Xente do Redor quérese expresar un agradecemento especial á Fundación Otero Pedrayo e ao persoal da Casa Museo pola acollida, disposición e agarimo recibidos, así como atodas as persoas que fixeron posible o encontro: autores, artistas, músicos, entidades culturais, representantes institucionais, colaboradores e, dun xeito moi especial, ao público que respondeu enchendo Trasalba.
A xornada continuou posteriormente cun xantar de confraternidade no Pazo de San Damián, en Amoeiro, prolongando o espírito de convivencia e amizade que acompaña o proxecto desde os seus inicios.

Tras vinte e dous números, Nós, a Xente do Redor continúa medrando sen perder a súa esencia: dar voz á xente, abrir espazos para a creación e facer comunidade arredor da cultura.
O vivido este domingo en Trasalba foi algo máis ca presentación dunha revista: foi unha celebración da palabra, da memoria, da amizade e da cultura compartida.