As portas abriranse ás 19 horas o concerto será sobre ás 20.20h. Previamante actuará Castillo (19.30h).
Luz Casal regresará o vindeiro 4 de outubro a Ourense para poñer o punto final á segunda edición do Festival Ou Yeah!. A artista actuará no Pazo Paco Paz que contará tamén coa música de Castillo e coa Zona Gastronómica Grupo Cuevas.
As portas do recinto abrirán ás 19.00 horas, coa actuación de Castillo ás 19.30 horas e a de Luz Casal ás 20.20 horas. A xornada contará ademais coa presenza de Cociña Ourense, que preparará “unha elaboración ad hoc para esta data”.
As entradas están dispoñibles dende 28 euros (+ gastos) a través de ouyeah.gal e ataquilla.com.
Castillo
A xornada comezará ás 19.30 horas coa actuación de Castillo, cantautor galego nacido en Vigo cuxo son foi forxándose durante os anos que pasou tocando nas rúas de Edimburgo desde 2014, onde comezou a tocar en 2014.
A súa proposta móvese entre o folk, o country e o grunge dos anos 90, cunha filosofía afastada das regras e dos circuítos convencionais da industria musical. De volta na súa cidade natal, publicou en 2023 o seu primeiro álbum, Let the Moon Kill the Sun, e posteriormente acompañou á banda galega Querido na súa xira por España, con actuacións en salas como El Sol, Sala Copérnico ou Galileo.
En 2026, Castillo regresou cun novo traballo, LISTEN, o seu segundo disco, masterizado polo recoñecido enxeñeiro estadounidense Ted Jensen, responsable de traballos para artistas como Eagles, Green Day ou Norah Jones.
Luz Casal
Ás 20.20 horas, Luz Casal subirá ao escenario do Pazo dos Deportes Paco Paz para ofrecer o seu primeiro concerto na cidade de Ourense desde 2019.
A artista chega ao festival coa xira de Me voy a permitir, o seu novo traballo, definido como o disco máis ecléctico e inclasificable da súa carreira. O álbum explora dez caras diferentes a través de dez cancións, dez actitudes e dez maneiras de mirar e entender o mundo.
O novo espectáculo amosa esa liberdade creativa desde diferentes perspectivas: a Luz da chanson francesa, a intérprete próxima ao cancioneiro latinoamericano, a cronista do cotián ou a rockeira que mantén os seus sinais de identidade.
OU YEah!
O festival está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación de Ourense.
O concerto de Luz Casal porá o punto final a unha edición que comezou o pasado 6 de xuño en Expourense, coas actuacións de Loquillo, The Rapants e Kitty, Daisy & Lewis, e que continuou o 31 de xullo no Carballiño, onde Burning celebrou os seus 50 anos de traxectoria cun concerto gratuíto na Praza da Veracruz.





