O OUFF acolle o ciclo Amal en Ruta para achegar o mellor cinema árabe contemporáneo a Ourense

A iniciativa, organizada en colaboración coa Fundación Araguaney-Puente de Culturas, inclúe unha selección de cinco películas que abordarán a realidade social, a memoria e o conflito no mundo árabe. As proxeccións celebraranse do luns 28 de setembro ao venres 2 de outubro no Teatro Principal e no Cineclube Padre Feijoo.

O OUFF · Ourense Film Festival presentou en rolda de prensa o ciclo Amal en Ruta, unha das seccións paralelas máis consolidadas da programación, froito da colaboración entre o certame ourensán e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas. Na presentación ante os medios participaron o director artístico do festival, Óscar Doviso, e o presidente de honor da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim.

Durante a presentación, Óscar Doviso destacou o valor desta alianza e a vocación do certame: «Esta é unha presentación moi significativa e especial para nós, xa que encaixa plenamente co corte social que levamos no noso ADN como festival. É unha honra e un orgullo renovar a colaboración coa Fundación Araguaney para ofrecer un ciclo de enorme calidade e compromiso humano».

Pola súa banda, Ghaleb Jaber Ibrahim repasou o case cuarto de século de traxectoria de Amal en Ruta en Ourense e reflexionou sobre o momento actual: «O cinema e os seus contadores de historias mostran unha realidade cruenta que moitas veces se quere ocultar».
Sobre a selección das películas que conforman o ciclo deste ano, Ghaleb Jaber Ibrahim salientou a calidade e a diversidade de perspectivas das obras programadas: «Contamos cunha selección moi coidada de contadores de historias reais. Abrimos o ciclo con The Time That Remains de Elia Suleiman, un dos grandes referentes do cine palestino, quen aborda a memoria e a traxedia do Nakba cun humor sarcástico e brillante que permite dixerir a dor dende unha dimensión fondamente humana».
Así mesmo, o presidente de honor da Fundación detívose en títulos como Janin, Jenin e no resto de obras documentais: «O ciclo rende homenaxe a creadores como o falecido Mohammed Bakri, quen documentou a constante destrución e reconstrución do campo de refuxiados de Jenin, amosando unha dor que lamentablemente segue repetíndose hoxe. Dende a ollada directa dos xornalistas no corazón de Gaza ata o desprazamento polos Balcáns ou o movemento solidario xurdido na Universidade de Columbia, estas cinco películas amosan a traxedia pero tamén a dignidade, a resistencia e a solidariedade internacional arredor do pobo palestino».

O señor Ibrahim aproveitou a intervención para expresar o seu profundo agradecemento polo apoio cidadán recibido: «Queremos agradecer, no nome da Fundación e do pobo palestino, a todas as persoas e asociacións que amosan o seu afecto e se mobilizan continuamente. Esas mostras de solidariedade son fundamentais para visibilizar a causa, crear conciencia e conseguir que a traxedia que vive Palestina siga presente nos medios de comunicación».
Finalmente, Jaber Ibrahim adiantou dous marcos de gran relevancia: a convocatoria do vindeiro 10 de outubro como Xornada de Acción Global dentro dunha mobilización global coordinada de solidariedade co pobo palestino e a mirada cara ao futuro do proxecto: «Camiñamos cara a unha cifra moi especial, xa que no ano 2027 o Festival Amal cumprirá 25 anos de historia traballando pola cultura, a empatía e o diálogo intercultural».

Programación do Ciclo Amal en Ruta
O ciclo reúne cinco títulos de ficción e documental con recoñecemento internacional que ofrecen unha ollada crítica, humana e profunda sobre a historia recente e os conflitos que atravesan a rexión:
Luns 28 de setembro (19:30 h | Teatro Principal): The Time that Remains
Retrato familiar e histórico que abrangue dende 1948 ata a actualidade, combinando humor silencioso, ironía e surrealismo para amosar a vida baixo a ocupación.
Martes 29 de setembro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): This is Gaza
Documental que mergulla no conflito de 2023 en Gaza a través da ollada e o traballo do xornalista palestino Yousef Hammash.
Mércores 30 de setembro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): Janin, Jenin
O director regresa ao campo de refuxiados de Jenin dúas décadas despois para recoller testemuños directos tras a ofensiva militar de 2023.
Xoves 1 de outubro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): Notes on Displacement 
Unha viaxe a través dos Balcáns seguindo a unha anciá palestina no seu segundo desprazamento, reflexionando sobre a identidade e o significado do fogar.
Venres 2 de outubro (12:00 h | Cineclube Padre Feijoo): The Encampments
Relato das protestas solidarias con Palestina iniciadas en 2024 na Universidade de Columbia e a resposta policial ante o movemento estudantil.
As proxeccións do ciclo Amal en Ruta ofrecen unha oportunidade única para achegarse á pluralidade e á riqueza do cinema árabe contemporáneo. dende o OUFF convídase así a toda a cidadanía a participar nesta experiencia de diálogo intercultural e reflexión colectiva a través da gran pantalla.