A programación inclúe, este venres, 30 de outubro, obradoiros infantís, un percorrido terrorífico, a tradicional Procesión de Ánimas e música en directo co grupo En Mala Hora, ademais dunha sesión con DJ para rematar a noite.
Xinzo de Limia prepárase para celebrar o Samaín este venres, 30 de outubro, cunha tarde e noite de actividades para todos os públicos na Praza Maior. A programación, organizada pola Concellería de Festas e Xuventude, desenvolverase desde as 17.00 horas e combinará propostas infantís, tradicións populares e música para a mocidade.
A celebración contará coa colaboración de ProLimia e da asociación Civitas Limicorum, que participarán en varias das actividades previstas para unha das citas máis esperadas desta época do ano.
Obradoiros, chocolate e un percorrido terrorífico
A festa comezará ás 17.00 horas con obradoiros dirixidos aos máis pequenos, que poderán gozar dunha tarde de actividades ambientadas no Samaín.
Unha hora despois, ás 18.00 horas, dará comezo o percorrido terrorífico, organizado coa colaboración de ProLimia. A continuación, ás 19.00 horas, celebrarase unha chocolatada para as persoas participantes que acudan disfrazadas.
A tradición tomará o relevo ás 20.00 horas coa Procesión de Ánimas, preparada pola asociación Civitas Limicorum, que tamén organizará un obradoiro de amuletos.
Música e baile para rematar a noite
A partir das 21.00 horas, o grupo En Mala Hora será o encargado de poñer música á celebración cun baile na Praza Maior. A programación concluirá cun fin de festa con DJ, pensado especialmente para a mocidade.





