Ademais, o alcalde, propón crear un bono de 30 euros para 10 baños na piscina termal das Burgas.
O Concello de Ourense abre o prazo de presentación de ofertas para que as empresas interesadas poidan participar na adxudicación das concesións para a explotación das casetas do Mercado do Nadal 2026.
O espazo de venda instalarase no Parque de San Lázaro co obxectivo de dinamizar a actividade comercial, artesanal e turística da cidade durante a campaña festiva. Contará con 20 casetas de madeira con estrutura de ferro galvanizado, que permanecerán abertas desde o 4 de decembro de 2026 ata o 6 de xaneiro de 2027.
As autorizacións adxudicaranse en réxime de concorrencia competitiva e dividiranse en dúas categorías:
Artesanía, produción creativa, produtos e decoración do Nadal: 13 unidades.
Alimentación do Nadal: 7 unidades.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Ourense ata o 5 de novembro ás 14.00 horas. As bases reguladoras completas están dispoñibles para a súa consulta na sede electrónica e na páxina web do Concello.
Bonos para a piscina termal das Burgas
O Goberno municipal do Concello de Ourense proporá crear un novo bono de 30 euros, que permitirá utilizar a piscina termal das Burgas 10 días diferentes, en calquera momento do ano. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante o período de información pública da ordenanza reguladora deste servizo municipal, aprobada inicialmente polo Pleno do Concello o día 18 de outubro.
O Goberno local proporá a creación deste novo bono a través dunha alegación á normativa, coa finalidade de que a medida quede integrada no documento final que será sometido a aprobación definitiva por parte do Pleno do Concello.
Con esta iniciativa preténdese “mellorar e perfeccionar a ordenanza, neste caso cun paquete de 10 baños por 30 euros, co que o baño sairía a 3 euros, sen estar condicionado a consumilo no propio mes”, sinala o rexedor. Detalla Pérez Jácome que é unha tarifa “pensada especialmente nos residentes, que terían un prezo distinto aos turistas, aos que vai máis enfocada a tarifa de 7 euros que custa usar as instalacións un só día”. Con esta incorporación, a veciñanza “terá dúas opcións: o bono de 25 euros ao mes para ir todas as veces que queira ou o pack de 10, a 3 euros por baño”.






