O Concello de Xinzo de Limia celebra o Día das Bibliotecas co alumnado do CEIP Carlos Casares

A Biblioteca Municipal Antelana prepara para este mércores, 28 de outubro, unhas actividades participativas arredor de contos infantís para tres grupos de Educación Primaria.

O Concello de Xinzo, a través da Biblioteca Municipal Antelana e en colaboración co CEIP Carlos Casares, celebrará o mércores 28 de outubro o Día das Bibliotecas cunha programación dirixida a tres grupos de Educación Primaria do centro.
A iniciativa pon en valor as bibliotecas como espazos de acceso á cultura, de fomento da lectura e de aprendizaxe, e o seu papel na educación, na creatividade e no desenvolvemento das comunidades.

As actividades consistirán en unidades didácticas interactivas deseñadas a partir de diferentes libros e contos infantís, entre eles O monstro de cores, de Anna Llenas, e Nicolás vai á biblioteca, ilustrado por Alicia Suárez e publicado por Kalandraka. A partir destas obras, o alumnado participará en propostas adaptadas á súa idade que combinan a lectura, o diálogo e a imaxinación, para que coñeza a biblioteca de preto.

A celebración busca tamén reforzar a colaboración entre a biblioteca pública e os centros educativos, unha ferramenta clave para crear hábitos lectores desde a infancia e para que as novas xeracións atopen nos libros unha fonte de coñecemento, diversión e crecemento persoal.
Con esta xornada, o Concello quere lembrar que as bibliotecas non son só lugares onde se gardan libros, senón tamén puntos de encontro, participación e convivencia que axudan a construír unha sociedade máis culta e crítica.